Manuel María, poeta da terra e os seus produtos

Sei de uvas impacientes por ser viño,
de mazás en sazón, de mel dourado,
do roibén do solpor esmacelado
que se ensume na noite de mansiño.

Nos “Poemas ao outono” (1977), o poeta Manuel María canta ás cousas da terra como cantou en toda a súa prolífica obra, como home que era ligado á terra, á Terra Cha luguesa que cantou con mestría.

A Terra Chá somentes é:
un povo aquí, outro acolá
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

En 1954 o poeta publica “Terra Cha”, un libro de poemas no que retrata a súa chaira natal, paisaxes, xentes, romaxes, terras e labradíos, prados, animais, o tempo, as árbores, os paxaros e as cousas. Materia suficientemente variada como para atopar versos que lembran aromas e sabores a calquera interesado no mundo da gastronomía. Como estes dedicados aos capóns de Vilalba:

Estes pares de capóns
Son de terra vilalbesa;
Nunca vin outros tan bos
En toda a terra luguesa.
Cébanse moi ben cebados,
Hai que matalos despois.
Cando se ven desplumados,
Teñen un peso de bois.

Ou aos queixos de San Simón nesta Louvanza dos Queixos de San Simón:

Os queixos de San Simón
co ar da serra curados:
oviron correr os regatos
e mais o verde dos prados!

Os queixos de San Simón
sentiron tremar orballos
e escoitaron os murmurios
dos ventos polos carballos.

Os queixos de San Simón
aínda son feitos a mao,
sentiron frío de Inverno
e sudaron polo Vrao!

Os queixos de San Simón
son a cousa máis sinxela,
¡teñen feitura de pico
e saben a pastorela!

Ao pan de centeo, mouro como a terra do que ven

O pan centeo é un tesouro:
semella a terra que o deu.
É como a terra de mouro
porque na terra naceu!

Ou aos porcos da ceba na víspera da matanza, que traerá roxós e festa

Eran ranchos de boa lei.
Foron medrando, medrando.
¡Moito me escravicei
pra os poder ir ceibando!

Agora xa están cebados.
Hai que pensar en matar
porque xa van rematados
os nabos pra os engrosar.

¡Teremos mañá os roxós
e haberá festa na casa!
¡Hai que cortar os xamós
e ir roxando na grasa!

E así canta Manuel María ao trigo, as patacas, o centeo, os nabos, e van pasando polas páxinas do libro todos os currunchos físicos e humáns da Terra Cha.

E Manuel María soña.

Irei ás feira de Rábade, A do Monte e a Muimenta
pra ver si merco soños que agora non teñen venta.
Soio una estrela por guía.

E tamén foi Manuel María presidente da Irmandade dos Viños Galegos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *