Cantares gallegos

Cantares Gallegos. Rosalía de Castro. 1863

«Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;

has de cantar,
que che hei de dar moitos.

«Has de cantar,
meniña gaiteira,
has de cantar,
que me morro de pena.

Canta, meniña,
na veira da fonte;
canta, dareiche
boliños do pote.

Canta, meniña,
con brando compás,
dareiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che darei;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces,
¡que ricas que saben!

¡Que feira, rapaza,
si cantas faremos…
! Festiña por fóra,
festiña por dentro.

Canta si queres,
rapaza do demo;
canta si queres,
dareiche un mantelo.

Canta si queres,
na lengua que eu falo;
dareiche un mantelo,
dareiche un refaixo.

Co son da gaitiña,
co son da pandeira,
che pido que cantes,

rapaza morena.

Co son da gaitiña,
co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios.»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *