Volvemos… inda que nunca estivemos ausentes

Pasaron moitos meses dende a publicación do último post en Colineta, pero estamos aquí de novo.

Neste ano e pico non estivemos parados. En decembro de 2013 vía a luz o primeiro número da revista BenBo e semanas antes fixérao a web da revista (www.benbo.eu).

A finais de xullo deste ano saía o número cinco da revista en papel, na que queremos reflectir o mundo da gastronomía galega, tanto para galegos como para forasteiros. En cada número buscamos achegar a ambos públicos algunhas novidades que nos amosan que a gastronomía galega é moito máis plural do que calquera poida pensar. Cada catro meses ven a luz 160 páxinas cheas de contido, fotografías, deseño e maquetación de primeira. Algo nunca visto en Galicia no mundo das publicacións gastronómicas.

O milagre, nos tempos que corren, foi posible grazas ao empeño de tres persoas: Ana García, da empresa Trevisani, Tono Múgico, de Mr. Turismo, e eu mesmo. Sen capital e sen ningunha empresa detrás que nos apoiase, so era posible sacar adiante o proxecto con esforzo e nadando contracorrente. “Non estamos tolos, somos salmóns” dicíamos na editorial do primeiro número.

Ao noso esforzo únese o traballo xeneroso de moitos colaboradores: Luís Cividanes, Manolo Gago, Soledad Felloza, Patricia Fernández, Xabier Martínez, María Mosquera, Iván Nespereira, Vannesa Nistal,Fernando Rodríguez, Pep Palau, Erika Silva, Xabier Leal, Eva Millán, Carmen F. García, Luis Paadín, Mercedes González, Antonio Portela, Dominique Roujou, Marta Fernández Guadaño, Paz Vázquez, Sandra Blanco, Juan Diz…

O esforzo é grande e os atrancos non son pequenos, pero Galicia nunca tivera unha revista gastronómica coma BenBo. E merece a pena participar na aventura que supuxo sacala adiante e o reto de mellora que supón cara ao futuro.

Cando non me atopen aquí, por onde procurarei pasar con máis frecuencia, búsquenme alí.

One thought on “Volvemos… inda que nunca estivemos ausentes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *