Casa de Suárez, elegancia no rural

Un séntese como no comedor dun vello pazo galego. Manteis de liño, copas antigas gravadas, cuberterías rebuscadas, que semellan antigas, pratos pouco comúns… unha ambientación reto. Pero non estou nun pazo senón nunha vella palleira reconvertida no restaurante da Casa de Suárez, perdida na zona rural do concello de Negreira, cercano a Santiago de Compostela.

Os detalles están todos coidados ao máximo ata o punto de que non hai dúas mesas iguais. Manteis, baixopratos, vaixelas, cristal, cuberterías… son todas diferentes. E co cambio de prato tamén cambiamos de cubertería. So tres mesas, de oito, cinco e catro comensais e o comedor está cheo.

A carta ten que ser á forza, curta. A empanada de millo e xoubas sorprende polo saborosa e porque está feita con xoubas en conserva. Indícannos que as poñen uns días en aceite porque así mellora a empanada, que certamente está moi rica. Probamos tamén o wok de verduras, saborosas e no seu punto. Como primeiros a carta tamén ofrece tortillas, ensaladas e táboas de queixos ou embutidos. Antes un aperitivo de cortesía: un pemento do piquillo recheo de bacallau.

Para segundo pescada e ameixas por un lado, rabo de tenreira e croc polo outro. Decantámonos pola carne e traen á mesa un dos mellores rabos de tenreiras que comín, que son moitos. A croca no seu punto e saborosa.

Espléndido o xeado de cítricos e verduras da sobremesa. E moi detallista a cesta de pan, con tres tipos diferentes de pan artesán galego, así como galletas mariñeiras.

Por 25-30 euros, en función do viño elixido, cómese estupendamente. Por iso hai que reservar mesa con tempo suficiente. No verán tamén se pode comer no exterior, rodeados dos campos de Negreira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *