Espumoso tinto Señorío de Rubiós, D.O. Rías Baixas

Arrecendía a bo viño cando cheguei pero a máquina que realiza o degole, reenchido das botellas co licor de expedición e pechado das mesmas coa rolla definitiva parecía impoluta, porque estaban rematando o proceso de degolado e embotellado do espumoso branco Señorío de Rubiós, do que a adega sacará ao mercado 6.000 botellas de brut, ademais de elaborar outras 600 de brut nature.

Pouco tempo despois, e tras proceder a un minucioso lavado da máquina, o sangue comezou a correr polos tubos que semellaban venas e conectaban o depósito do licor de expedición co mecanismo que o inxecta na botella á que se acaba de sacar a chapa, expulsando pola propia presión do viño as levaduras conxeladas.

A cor do viño tinto tinguía as pezas dun aparello que rara vez o ve. E pouco despois, a persoa que dirixía todo o proceso alargou cara min a man na que me ofrecía unha copa do viño que estaba procesando. A miña primeira copa de espumoso tinto galego. A primeira copa que se servía dese espumoso acabado de embotellar.

Estaba frío (a máquina traballa a menos 27 grados centígrados para conxelar o contido do pescozo da botella, e o frío transmítese a todo o contido da botella). Pero cando acadou unha temperatura razoable na copa apareceron os recendos e os sabores dos tintos de Rubiós acompañados dunha burbulla moi abundante e moi fina. O resto cóntoo en BenBo .

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *