El libro de cocina de Alice B. Toklas

A norteamericana Alice B. Toklas viviu unha boa parte da súa vida á sombra da escritora Gertrude Stein, a súa compañeira sentimental e profesional, e fíxose famosa en 1954 cun libro de cociña que agora se publica en Español baixo o título de “El libro de cocina de Alice B. Toklas”.

Onte, 23 de outubro, chegou ás librerías e recibín o pertinente aviso do meu libreiro de confianza, ao que xa encargara o meu exemplar.

Unha primeira e rápida ollada ao mesmo, con lecturas salteadas, deixa en min a satisfacción do reencontro cos libros de cociña e receitas que fan apaixoante a súa lectura ao estar cheos de historias que convirten en accesorios os ingredientes e técnicas culinarias. O libro recorda obras de Cunqueiro, Camba, Picadillo, Pla, Vázquez Montalbán… e leva a pensar que a literatura gastronómica está case perdida e suplantada por aburridos receitarios que máis parecen o vademecum dun boticario.

Despois desa primeira lectura fragmentada sei que me agardan algunhas horas de intensa satisfacción coa lectura das andanzas de Alice na cociña e na mesa de convidados tan senlleiros coma o propio Picasso.
Alice B. Toklas fíxose famosa por este libro e, sobre todo, pola receita do pastel de haxix, e a súa historia acabou no cine coa película Quérote Alice B.Toklas (1968), protagonizada por Peter Sellers. E inda que a B. do seu nome sexa abreviatura de Babette, nada tivo que ver con O Festín de Babette.

A tradución ao castelán é obra do galego Xosé Antonio López Silva, que non hay moito recuperaba algún artigo gastronómico de Cunqueiro en “De santos y milagros”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *