Ropa vieja, sabor de Cuba

Ropa vieja

A primeira vez que entrei en Zara, van aló moitos anos, foi para comer. E comín ben. Volvín moitas veces.

Porque Zara, antes que tenda de roupas ideadas en Galicia e confeccionadas polo mundo adiante, foi restaurante, madrileño e especializado en cociña cubana.

Non me atrevo hoxe a recomendalo porque hai, de novo, moitos anos que non piso o seu comedor.

En Zara comíase ben, e daquela era o único lugar de Madrid onde se podía comer cubano en condicións, inda que os mojitos e daiquirís non valían un peso, como non o vale ningún preparado con Bacardí. Para combinados cubanos a referencia era La Taberna Cubana, xa desaparecida, onde ademáis servían estupendas tapas de ropa vieja, picadillo ou tamales.

En Zara comíase ben, pero mellor na miña casa, onde a cociña cubana era habitual despois dos anos vividos por meus pais na Habana. Escribo estás liñas despois de comer un prato de ropa vieja con arroz branco e iuca frita.

O día antes, mentres preparaba a ropa vieja, pensaba en cómo a cociña cubana consigue resultados moi diferentes empregando as mesmas bases e condimentos.

Cebola, allo e pemento pochados son o comezo de pratos tan diferentes coma o picadillo habanero, ropa vieja, tasajo, fricasé ou camaróns enchilados. En todos os casos aderezase con ourego e cumiño. E todos levan tomate, inda que eu non sempre o poño na ropa vieja e no tasajo. A mesma cebola, allo e pemento (agora verde) van no sofrito dos feixóns negros (moito mellores que os brasileiros ou mexicanos), que tamén se condimentan con ourego e cumiño.

Aínda hai máis coincidencias entre o picadillo e o fricasé: ambos levan olivas (verdes e con óso), alcaparras e pasas.

Pero os resultados son moi diferentes grazas ao resto de ingredientes: carne picada no picadillo; polo ou pavo no fricasé; cecina de cabalo no tasajo; camaróns nos que van enchilados, feixóns no seu caso…

É unha cociña sorprendente e pouco coñecida en España, da que irei contando con tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *