Cortes de Muar

Queso Cortes de Muar

Cortes de Muar é a marca que acaba de sacar ao mercado unha pequena queixería artesanal de Silleda co obxectivo de darlle un valor engadido aos seus produtos.

O marquetin básease no dobre sentido galego da palabra cortes, que o mesmo denomina o lugar onde se gardan as vacas que o espazo que ocupan os deputados do Congreso español. A cousa da para chistes, pero non é o obxectivo da queixería, que nos presenta os seus produtos vestidos de gala, como se pode ver na fotografía.

Tamén xogan coa onomatopea do son das vacas e coa palabra que o define en galego: muar.

Detrás desta divertida presentación e do marquetin que hai detrás está un queixo dos que sorprenden, inda que sempre hai peros.

O da foto, co traxe da vaca Marela, é un queixo do país, elaborado con leite de vaca pasterizada que presenta un potente aroma a leite e manteiga e un claro sabor sabor ao queixo tradicional galego, cunha acidez moi equilibrada e un punto de sal moi acertado. Un queixo moi aromático e moi saboroso.

A estas alturas do post seguro que a meirande parte dos lectores, senón todos, pensan que se trata dun queixo de tetilla. E aí está o pero. O queixo emprega a forma do tetilla pero non está amparado pola D.O.P. Tetilla. O produtor considera que a denominación de orixe non lle vai aportar nada pero emprega un formato que todos identificamos co Tetilla. Un erro que ten fácil solución, xa que como digo o queixo é de gran calidade.

Cortes de Muar prepárase para sacar ao mercado novos queixos, como un elaborado con leite cru de O Alle por medio dun acordo co propietario desta marca, do que sairá un queixo coa marca Cortes de Muar e outro coa de O Alle, ambos elaborados con leite cru.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *