Peixe da mar océana

Partamos dunha realidade palpable: á gran maioría dos consumidores o mesmo lles da. A una porcentaxe altísima dos que fan a compra o que máis lles interesa do etiquetado é o espazo onde aparece o prezo. O resto seguramente lles estorba.

Pódese comprobar facilmente en calquera mercado ou supermercado. Incluso pode que non sexa necesario chegar alí e baste reflexionar un pouco sobre os nosos propios hábitos de consumo.

A industria coñece de sobra esa realidade e móvese nela como peixe na auga.

¿Peixe dixen?. Hai uns días La Voz de Galicia achegábamos a nova de que o Parlamento Europeo decidiu que a orixe da materia prima non terá que figurar na etiquetaxe das conservas de peixe. É dicir, mantense a situación de facto actual e non se da un paso adiante ofrecendo unha información que algúns consumidores, non moitos, miramos.

Para a industria supón un problema menos. Especialmente para as grandes conserveiras ás que o peixe posiblemente chegue mesturado de varias procedencias. O secretario xeral de Anfaco asegurou de inmediato que a industria cumpre a norma de trazabilidade (inda que a información non chegue aos consumidores) e que de nada lle serve ao consumidor que se indique que o produto procede da zona FAO 27. Tamén tentou aclarar as cousas Carmen Fraga.

Ten razón Vieites na súa segunda afirmación. Farto de ver referencias á mesma, un día quixen saber qué era a FAO 27 e deume a risa… nerviosa. A tal zona chega dende Xibraltar ata o arquipélago ruso de Nova Zembla, no confín do mar de Barents, así que comprende toda a costa atlántica de Europa, incluída Islandia e a costa oriental de Groenlandia. No enlace pódese ver mellor.

Dada a escasa definición destas zonas FAO, digo eu se non sería máis axeitado etiquetar doutra maneira. Por exemplo, poñer “Pescado procedente da mar océana”. Di o mesmo, pero resulta máis entretido.
Eu entendo a postura dos conserveiros. O seu negocio é vender conservas a unha xente á que tanto lle ten de onde procede o que hai dentro da lata e a lata mesma. O risco é que empezan metendo na lata mexillón chileno e acaban facendo ese proceso en Chile e os bateeiros e traballadoras galegas da conserva que busquen a vida ou vaian ao paro, que agora hai unhas ofertas estupendas. Non comprenden que o día que todos acabemos no paro non vai haber quen merque os seus produtos.

Pero non entendo moi ben o proceder de tantas pequenas conserveiras que hai por Galicia, que mercan a súa materia prima nas lonxas galegas, que fan todo o proceso en Galicia e que despois se esquecen de indicalo no seu etiquetado. Parece que centran todos os seus esforzos en que o contido das súas latas sexa espléndido, e despois esquécense de contarnos a marabilla que vai dentro. Exactamente o que lle pasa a todo o sector produtor galego, que elabora grandes produtos pero non os vende como se merecen.

Antes pensaba que o problema era que os galegos sabíamos producir pero non vender. Pero estaba errado. Que sabemos vender está xa demostrado, inda que de momento parece que so aplicamos ese coñecemento ao que producimos fora. O mundo das xenebras premium é a demostración máis actual do que digo.

Pero estábamos a falar de peixe e a súa orixe. O que a mesma lle importa ao gran público quedou patente hai tempo, cando un día fixen a lista do que vendían no Mercadona más próximo. Poderíase pensar que o problema é a pouca sensibilidade dunha marca levantina en Galicia. O domingo cociñei un congro mercado no Froiz da miña vila. O congro procedía dun porto galego, pero estaba rodeado de xoubas e bocartes do Mediterráneo, ameixas portuguesas, navallas holandesas e peixe espada, luras e chipiróns desconxelados. Froiz é unha empresa netamente galega. Pola tarde o peixe estaba todo vendido.

One thought on “Peixe da mar océana

  • 20 de Setembro de 2012 at 01:34 01Thu, 20 Sep 2012 01:34:49 +000049.
    Permalink

    Es una verdadera pena lo que le están haciendo a nuestros productos, tenemos productos de calidad pero a la hora de vender no somos capaces de reinvindicar nuestra marca y calidad, en cambio dices Galicia y es sinonimo de calidad aunque bajo ese nombre vendan necora marroquí o pimiento de Polonia. De pena

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *