Morrón de Ferrolterra

Pimiento

Galicia podería ser unha potencia na produción de froitas e hortalizas de calidade se prestásemos máis atención ás variedades tradicionais do país, que en moitos casos dormen nos bancos de sementes de Mabegondo ou da Misión Biolóxica de Galicia.

Claro que non basta con que os produtores se fixen nesas variedades, senón que os consumidores tamén temos que estar dispostos a aceptar o sobreprezo que as mesmas supoñen sobre o que pagamos por hortalizas que parecen sacadas de cadeas de produción industrial: abundantes, baratas, todiñas co mesmo aspecto… e igualmente insípidas.

Nese labor de recuperación a Cooperativa O Val, de Narón, estase a converter no brazo executor dos proxectos liderados polas asociacións Nuevos Horizontes e Costa Noroeste.

A cooperativa, coñecida pola produción do pementos do Couto (IXP), lanzouse este ano á aventura de sacar ao mercado o tomate negro de Santiago, do que xa falamos en diversas ocasións dende hai un ano, pero agora presenta en sociedade o “pemento morrón de Ferrolterra”, unha variedade tradicional da zona que foi recuperada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o mesmo que o negro de Santiago.

Popularmente, na zona produtora este pemento é coñecido como “Couto grande”, pero ao estar reservada a palabra “Couto” para o pemento con IXP, a denominación coa que se comercializa é a de “pemento morrón de Ferrolterra”.

Visitei a cooperativa coincidindo coa chegada á mesma dunha remesa deste pementos e, aparte da cor e a forma peculiar, máis achatada que os morróns que habitualmente atopamos no mercado, o que máis me chamou a atención foi o peso de cada peza, momento que reflicte a fotografía. A explicación é sinxela, xa que se trata de pementos moi carnosos, o que os fai especialmente axeitados para asar ou reencher, preparación na que manteñen a forma mellor que outros morróns, segundo comentou un dos produtores.

Os morróns de Ferrolterra xa están no mercado, inda que polo momento de forma moi localizada, pero si a resposta do mercado é boa, o ano próximo seguro que se ampliará.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *