Visita a Lugo

Tartar de atún con mayonesa de mostaza

O tartar de atún con maionesa de mostaza que serve Héctor López no restaurante España é xustificación suficiente para visitar unha cidade que ofrece múltiples atractivos turísticos e gastronómicos como é Lugo.

Pode un iniciar o día na pastelería Madarro con calquera dos moitos doces que ofrece, ou deixar a visita para a merenda, si daquela lle quedan gañas, e probar as súas famosas tellas de améndoa.

Antes da comida uns viños nos tradicionais locais da rúa da Cruz ou da rúa Nova (fóra das murallas hai outras zonas de tapas, pero o visitante sempre vai quedar intramuros. ¡Ollo coas tapas!. En Lugo existe de sempre o costumbre de ofrecer primeiro unha bandexa de pinchos fríos para que o cliente se sirva e poñer despois unha tapa de cociña a elixir entre as do día. Agora tamén acompañan cunhas patacas fritas ou similar. A tapa vai incluída no prezo da consumición sen que este sufra incremento de prezos. Un euro e sesenta céntimos por unha caña de cervexa con tres tapas é máis que razoable.

Para comer podemos elixir calquera dos moitos e bos restaurantes de factura tradicional, entre os que sempre tiveron sona Verruga, Mesón de Alberto, Campos, A Barra… e o España, que dende que os máis novos da familia, Héctor e Paco, se puxeron á fronte evolucionou cara unha cociña de autor cos pés moi ben asentados na tradición. Na mesma liña creativa, Lugo ofrece a cociña do Paprica, capitaneado por Álvaro Villasante.

Despois da comida nada mellor que dar a volta á muralla romana. Son menos de tres quilómetros que nos permitirán ir acomodando os excesos cometidos coas tapas e a comida, que en Lugo sempre será abundante.

Para rematar o día, nada mellor que o Royal Boundary de Alejandro Gómez, campeón de Galicia de elaboración de gintonic e subcampión de España, propietario dun local sorprendente pola súa decoración e pola calidade e variedade dos combinados e cócteles que alí se ofrecen. É o que teñen os profesionais…

O menú degustación do España comezou cun aperitivo consistente en zamburiña ao albariño (en realidade volandeira, como é habitual) e sopa fría de melón con xamón. Seguimos co espléndido tartar de atún, vieira con puré de pataca e empanada aberta de polbo. Os pratos fortes foron unha pescada con puré de tubérculos e chícharos con xamón e costela de porco ibérico a baixa temperatura. Rematamos cunha xelatina de gintonic e torrixa de brioche. O prezo do menú degustación, que varía segundo o mercado, é de 39 euros máis ive e bodega aparte.

Héctor López pertence ao Grupo Nove e a influencia dos grandes deste grupo nótase na pescada, na que Marcelo sempre é a referencia, ou na costela de porco ibérico, no estilo do churrasco de Pepe Solla. Pero o punto forte do menú foi o tartar. E non menos destacable a empanada de polbo, tan saborosa que apaga bastante a pescada que chega inmediatamente despois.

2 thoughts on “Visita a Lugo

  • 05 de Setembro de 2012 at 01:26 01Wed, 05 Sep 2012 01:26:35 +000035.
    Permalink

    O outro día tiven a oportunidade de catar por aquí un tartar de salmón e atún con XEADO de mostaza que era directamente OBSCENO. Será descendente deste?

    Reply
  • 05 de Setembro de 2012 at 08:36 08Wed, 05 Sep 2012 08:36:58 +000058.
    Permalink

    Nunca se sabe quen descende de quen, Snob

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *