[lang_gl]”Picnic” no camiño da Serpe[/lang_gl][lang_es]”Picnic” en el camiño da Serpe[/lang_es]

Cesta de picnic
Aos amantes do cine a palabra picnic lembraralles as faldas vaporosas de Kim Novack e o descaro de William Holden na película de Joshua Logan, datada no mesmo ano (1955) en que Álvaro Cunqueiro daba ao mundo a súa primeira novela, Merlín e familia.

Este do que vou falar foi un picnic ben distinto, cun grupo de xornalistas coa súa cestiña contendo exquisiteces: gazpacho, camaróns, nécora e unha portentosa cigala compartindo o mantel sobre a herba cunha latiña de caviar ou unha marabillosa empanada de millo con sardiñas. Mexillóns en escabeche, tartar de solombo (cada un preparou o seu antes da saída, o mesmo que a cigala), un pan que quitaba o hipo e sorprendentes queixos galegos (Queixo do Peregrino, de cabra do Xurés e un queixo do país, ourensán, que era auténtica crema. Colouse de rondón unha torta cacereña que non resistía a comparación cos galegos) para acompañar o marmelo, os mirabeles en xarope ou a froita da paixón con iogur. Todo acompañado de Magma de Cabreiroá (organizador do evento), cervexa 1906 e os viños de Ponte da Boga.

A cita foi na cociña e nos xardíns de Pepe Vieira, no Camiño da Serpe, con Xosé Cannas e Pepe Solla dirixindo a festa.

Dende a nosa atalaia mirábamos a ría de Pontevedra, que lembraba o río do picnic de Kim, nun espléndido día galego de finais de agosto.

Faltou o baile
Empanada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *