Marisco estival barato

Mariscada

A foto recolle unha magnífica mariscada con produtos galegos de primeira calidade e o engadido duns lagostinos

Co verán e as vacacións chegan ás costas galegas os devoradores de mariscadas baratas, de gran calidade e fresquísimas. Ou polo menos iso cren eles, que non saben, ou non queren saber, que no verán unha boa parte dos mariscos galegos están en veda, así que moito do que chegue ás súas mesas vai ser foráneo, sen que ninguén llelo explique.

Para min unha boa parte da hostalería galega está explotando un modelo equivocado e enganoso. Nada teño contra a presenza de nécoras, centolas ou bois de importación, pero o cliente ten dereito a saber o que come e moi poucas veces nas cartas se indica cando eses mariscos son de importación. A miña habitual prudencia obrígame a escribir “poucas veces” no canto de “nunca” porque estou seguro de que algún sitio hai que diga a verdade.

Si é habitual, pola contra, atoparnos con que todo é “da ría”. Inda que na ría próxima non se produza tal especie. ¿Non hai inspectores de consumo que pidan a documentación do lumbrigante a todos os que ofrecen, a prezos moi axeitados, arroz con lumbrigante da ría? Os lumbrigantes galegos son un ben tan escaso…

Esa mala práctica privada de dar gato por lebre, ou nécora “francesa” por galega, está sendo respaldada, supoño que de forma involuntaria e por puro descoñecemento, por algunhas autoridades e organismos públicos, como é o caso da Semana Gastronómica de Arcade, que acaba de rematar e cuxo menú incluía centolas e lagostas foráneas, xa que as galegas estaban en veda durante os días da festa. E foráneas tamén serían as vieiras, salvo que fosen conxeladas, que entón poderían ser galegas.

Algo parecido pasou no mes de maio en Ourense coa súa Festa do Marisco.

Nos dous casos os respectivos concellos eran, como mínimo, colaboradores da festa. En Arcade tamén colaboraban a Deputación Provincial e Turismo Rías Baixas. É importante o labor que fan de potenciación da hostalería e o turismo dos seus concellos e comarcas, pero máis o sería se potenciasen os verdadeiros produtos da zona e non os procedentes de fóra do país porque o pan de todos os que viven da calidade dos nosos produtos ponse en risco cada vez que alguén, por comenencia propia, da gato por lebre. Por moi bo que sexa o gato, gato seguirá sendo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *