A de Totó, un bo asador en Negreira

Entrecot

Hai tempo que, ao parecer, Arzak puxo piso en Negreira e visita A de Totó, mesón no que Totó exerce de mestre asador de carnes galegas con, polo que vin esta fin de semana, gran éxito entre a clientela máis moza da zona.

O local é un mesón, coas vantaxes e incomodidades que tal estilo comporta. A vantaxe fundamental é o prezo e a gran incomodidade derívase das mesas rústicas, bonitas pero inapropiadas para comer, e das insufribles, e igualmente rústicas, cadeiras. Procuren visitar o local coa pandilla para ocupar as mesas máis grandes e próximas á cociña, que parecen máis cómodas, e eviten por tódolos medios as tres mesas individuais próximas á porta de entrada, xa que parece que os clientes non saben que as portas serven para pechalas e non so para abrilas.

Rematados os comentarios sobre o mobiliario imos co que de verdade importa e nos pode facer esquecer toda incomodidade. A especialidade da casa é a carne á grella, tanto de tenreira galega como de vaca (inda que na carta non se especifica máis que “carne roxa”). Entrecot, solombo e chuletón, pero tamén asado de tira de tenreira e costela de porco. As carnes chegan á mesa cunha abundante gornición, que no meu caso consistiu nunhas patacas fritas manifestamente mellorables e nuns espléndidos pementos (verdes e vermellos, tamén fritos).

No apartado de entrantes o polbo é predominante: á feira, con ameixas, á grella sobre puré de pataca. Revolto, cogomelos, xamón ibérico, ensalada…

Na miña primeira visita (que non será a última) comín un xeneroso entrecot de vaca mentres o veciño da mesa do lado daba conta dun chuletón que non andaría moi lonxe dos dous quilos… e pico.

Carne saborosa e tenra (igual uns días máis de cámara non lle viñan mal). Intenso sabor e aroma da grella (no comedor nin hai fumes nin hai aromas moi intensos da grella) e un punto máis feita do que eu quixera.

Cabe salientar que o propio Totó se achega ás mesas a preguntar polo punto da carne desexado por cada cliente. “Non sabes como me alegro de oírte” dixo cando pedín a carne moi pouco feita, afeito como está a que a meirande parte dos clientes a pidan ben feita. Resulta evidente que os gustos dos galegos referidos ao punto das carnes vermellas é diferente dos estándares imperantes. No meu caso, a próxima vez pedirei a carne “menos feita que moi pouco feita”.

En definitiva, na miña primeira visita A de Totó pareceume un bo lugar para comer unha boa carne de vaca galega a prezos máis que razoables.

O mellor, dende logo, a calidade da carne, a simpatía de Totó e o servizo, que non se parece ao dun mesón. O peor o mobiliario e o mantel de papel. Non poido calificar máis que de incomprensible o feito de que para amañar a ensalada sirvan co aceite de oliva dúas variedades de vinagre: un de Módena auténtico (con contra etiqueta da IXP) e outro vulgar de viño, tan vulgar coma o máis barato do supermercado.

Os prezos e a calidade da carne compensan, como dixen, as incomodidades: o entrecot vai dos 12 euros cando é tenreira aos 15 no caso de vaca. E non creo que baixe dos 300-350 gramos. O chuletón de vaca a 25 euros o quilo. Os entrantes arredor dos 10 euros, inda que mellor prescindir deles. Se cadra un prato de xamón ibérico (12 euros) para entreterse mentres chega a carne. Como me tocaba conducir non lle prestei demasiada atención aos viños que, polo que lle vin ao veciño de mesa, se poden pedir por copas.

Á de Totó está situado nun baixo lateral do hotel Tamara, mesmo entrando en Negreira dende Santiago de Compostela.

4 thoughts on “A de Totó, un bo asador en Negreira

  • 25 de Outubro de 2012 at 11:35 11Thu, 25 Oct 2012 11:35:06 +000006.
    Permalink

    Buenos días. Cual fue mi sorpresa cuando hoy por la mañana puse en Google: Totó Negreira, y pude leer el artículo que has escrito sobre mi asador. Simplemente darte las gracias por la descripción aunque está claro que no comparto ciertas cosas, como es de suponer, con respecto al mobiliario y demás, que podríamos haber solucionado si llegas a hacer referencia en su momento a que estabas incómodo puesto que tenemos otro tipo de sillas que sí estoy seguro te gustarían. Por lo demás, muchísimas gracias y procuraré mejorar cuanto pueda aunque los precios bajos, hagan que tenga que utilizar manteles de papel y este tipo de cosas. Recibe un gran saludo y recuerda que te está esperando una buena carne o un buen bacalao a la parrilla. Un abrazo.
    TOTÓ.

    Reply
  • 27 de Outubro de 2012 at 18:08 06Sat, 27 Oct 2012 18:08:27 +000027.
    Permalink

    Gracias Totó. Yo cuento lo que viví. Pedí mesa y me pusieron en la entrada. Mesa y asientos rusticos, bonitos… e incómodos. Creo que es la única queja

    Reply
  • 26 de Novembro de 2012 at 13:49 01Mon, 26 Nov 2012 13:49:32 +000032.
    Permalink

    Asientos cambiados…..ya no hay incomodidad, muchas gracias por tu comentario.

    Reply
  • 27 de Novembro de 2012 at 18:08 06Tue, 27 Nov 2012 18:08:47 +000047.
    Permalink

    Ostras, Totó, que efeciencia!

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *