Tapétae Compostela

Hoxe comeza a primeira edición de Tapéate Compostela. Agardemos que non sexa a última.

Tápeate Compostela é a iniciativa dun grupo de bares e restaurantes que botan de falta a quinta edición de Santiago(e)tapas (o concurso naceu en 2008 e na súa web aínda se pode ver a información da cuarta edición, de 2011), que debería terse celebrado este verán e que non tivo lugar a causa dos recortes presupostarios que está a levar a cabo o concello de Santiago. Con so catro edicións o concurso de tapas estaba consolidado como un dos principais, senón o primeiro, de Galicia.

Ese concurso, o Forum e todas as actividades gastronómicas impulsadas polo concello dende 2007 (Santiago Repetiras, Sabores de Paixón, etc.) levaron a situar a Santiago como unha das referencias gastronómicas de Galicia. Agora deberá ser a iniciativa privada a que manteña ese nivel, e non teño claro que vaian ser capaces de facelo, inda que agardo equivocarme coa dúbida.

O certo é que a hostalería de Compostela non foi capaz de aproveitar eses anos de vacas gordas de apoio municipal. Nin de agradecelo. E ata o mes pasado non comezaron a darse conta de que non sempre poden agardar que lles dean as cousas feitas.

Este Tápeate Compostela comezou a xestarse ben avanzado o mes de xuño, cando algúns caeron na conta de que cambiaran as cousas no concello. Tardaron en comprendelo e comezaron a pedir opinións, aos que máis relacionados estivemos co, de momento, extinto concurso de tapas.

O resultado está aí. Do nove ao vinte e dous de xullo, once establecementos ofrecerán outras tantas tapas e un prezo único de dous euros. O éxito culinario está garantido porque entre os participantes están algúns dos establecementos que marcaron os máis altos niveles de calidade nas catro edición do etapas, como familiarmente lle chamábamos, e no concurso de tapas do Forum 2010, que foi un etapas en pequeno.

É un pequeno paso ao que deberán seguir moitos outros para manter o prestixio gastronómico de Santiago, unha cidade que en boa medida basea a súa economía na hostalería.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *