Galicia. Guía para el Turista. 1917

De Colineta

Hai uns días tiven una desas sensacións estrañas que causan feitos como que nun escaparate cheo de libros algo desordenados a vista vaia automaticamente ao máis pequeno: Guía para el Turista 1917.

Editada pola Asociación de Hoteleros y Fondistas, e de reparto gratuíto, a guía conta Galicia a través dos seus monumentos e, curiosamente nunha guía turística, da súa economía. Hai momentos en que un lembra a Descripción económica del Reino de Galicia, de Lucas Labrada.

De ver as cousas a través dos ollos do redactor da guía, a gran atracción galega de hai pouco menos de cen anos eran os balnearios, mentres que a gastronomía era pouco máis que residual.

Hai mencións á calidade dos restaurantes das diversas cidades e á satisfacción que dan aos viaxantes, pero pouco máis, se exceptuamos algúns párrafos dedicados aos viños cando se trata do Ribeiro.

Por iso, dende o punto de vista gastronómico, o máis interesante da guía paréceme que é o anuncio de Kessler, da Coruña. Sorprenderá a máis de un saber que algúns produtos de América non chegaron a España nas últimas décadas, senón que xa estiveron entre nos hai tempo, como esas froitas que podían degustar algúns coruñeses en 1917. Para todos non habería, nin os prezos estarían ao alcance de calquera peto.

Daquela a emigración galega cara ao outro lado do Atlántico estaba en pleno apoxeo e os trasatlánticos que unían España coa Habana, Montevideo, Bos Aires… facían escala na Coruña, Vigo, Vilagarcía de Arousa… O tráfico de seres humanos nunha e noutra dirección ía acompañado do transporte de mercadorías e por iso na Coruña había froitas tropicais e nos xornais da Habana se anunciaban, por exemplo, viños do Ribeiro.

Imaxino que a guerra civil debeu ter moito que ver coa interrupción dese tráfico de mercadorías exóticas cara Galicia, inda que os barcos seguían atravesando o Atlántico e nun deles, a motonave Covadonga, cheguei eu un día de setembro de 1961 ao porto da Coruña, procedente da Habana. Seguro que naquel barco, e nos que chegaron despois, viñan de novo algúns deses produtos exóticos, coma os feixóns negros cubanos e o arroz de gran longo Hon Chi que miña mai mercaba na Sucursal cada vez que ía a Lugo. Ata o día que meu pai decidiu sementalos no Valadouro e descubriu que se daban igual de ben que as fabas. Daquela non había todo o que ofrecía Kessler en 1917, pero algo seguía chegando a Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *