Lagosta portuguesa para a Festa da Lagosta da Guarda

A próxima fin de semana celébrase a “Festa da Lagosta e a cociña mariñeira” na vila pontevedresa da Guarda, que con frecuencia se nos presenta como a capital da lagosta. Ata poderemos ler que a lagosta guardesa é tan importante que se están exportando importantes cantidades, inda que noutros medios se fale dos traballos que realiza o concello para a recuperación da lagosta e o lumbrigante nesta localidade mariñeira.

A verdade é que na Guarda non hai lagosta. Nin unha. Así o acredita a estatística oficial da Xunta de Galicia, que é alimentada polos datos das lonxas galegas. Fontes da propia lonxa da Guarda me confirmaron telefonicamente que alí non se descarga lagosta dende hai tempo.

A última descarga de lagosta rexistrada polos datos oficiais na lonxa da Guarda corresponden ao ano 2007, no que nesa lonxa se subhastaron 227 quilos de lagosta nun total de seis días. Nese ano, en toda Galicia subhastáronse en lonxa 7.860.64 quilos deste marisco, correspondendo a maior cantidade á lonxa da Coruña, con 5.552 quilos,

Tamén en 2005 e 2006 se descargou lagosta na lonxa da Guarda. Concretamente 81 e 459,40 quilos respectivamente, fronte a unhas descargas en toda Galicia de 2.118,35 e 2.058,55 quilos, dos que a meirande parte volveron a corresponder á lonxa da Coruña: 1.551 e 1.069 quilos respectivamente.

No que levamos de século pola lonxa da Guarda non pasou máis lagosta. Nos últimos anos as capturas manteñen un ritmo alcista, inda que con altibaixos, xa que en 2008 se capturaron en toda Galicia 5.562,90 quilos e nos anos seguintes 1.670 (2009), 4.641,86 (2010) e 7.187,35 (2011). Dende 2010 semella que o porto de Celeiro (Lugo) tomou o protagonismo nas capturas de lagosta, desprazando do primeiro lugar, por lagostas vendidas na súa lonxa, ao da Coruña. Concretamente en 2010 vendéronse na lonxa de Celeiro 3.403 quilos de lagosta e en 2011 a cantidade ascendeu a 6.454.

Polo que respecta ao que vai de 2012, as capturas ascenden a 148,30 quilos, dos que 105 foron vendidos na lonxa de Celeiro (datos do 4 de xullo de 2012).

Resulta evidente que na capital da lagosta non hai lagosta e que os 350-400 quilos que pensan despachar na fin de semana, segundo anunciou o alcalde da localidade na presentación da festa en Ourense, teñen outra procedencia e nin sequera vai ser lagosta galega. Segundo o departamento de turismo do concello da Guarda, a lagosta deste ano procede fundamentalmente de Portugal, con pezas de máis de medio quilo, da mesma maneira que noutras edicións viña de Francia ou de Escocia.

No concello insisten en que sempre buscan a mellor lagosta atlántica que se poida ofrecer e nunca empregan lagosta caboverdiana nin caribeña, de moi inferior calidade.

A Guarda xustifica a súa festa no pasado esplendor deste marisco na zona e no desexo de que as lagostas volvan a estar presentes nas súas augas e nas nasas dos seus pescadores. Pero de momento as estatísticas son crueis.

One thought on “Lagosta portuguesa para a Festa da Lagosta da Guarda

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *