Churrasco

Churrasco

A finais dos sesenta ou comezos dos setenta do século pasado A Chalupa converteuse no fenómeno de moda na Mariña lucense. Daquela eu era un rapaciño que escoitaba falar marabillas da innovación que o local ofrecía: churrasco.

Corenta ou cincuenta anos despois da súa chegada a Galicia da man dos galegos emigrantes na Arxentina e Uruguai, o churrasco está xa plenamente incorporado á dieta galega, fundamentalmente en días de festa, e non hai romaría en que non ocupe lugar principal, xunto co polbo á feira.

Nese tempo a cousa evolucionou pouco, inda que se mantivo vivo o debate entre partidarios da costela de porco e a da tenreira. Paréceme que van gañando os primeiros, o que supón o triunfo do sucedáneo, xa que en orixe a carne que ía á grella nos países de orixe era a tenreira.

A chegada a Galicia dunha nova quenda de emigrantes retornados e de arxentinos e uruguaios que, nas últimas décadas buscaron aquí mellores condicións económicas que ao outro lado do charco non trouxo novidades significativas. Ou iso pensaba eu ata que estoutro día atopei en Silleda unha pulpería da Estrada que ademais de polbo ofrece asado ao espeto, na máis auténtica tradición crioula. Segundo o encargado do asado, cun pronunciado acento arxentino, levan xa algún tempo preparándoo, inda que non en todas as festas ás que van.

Un caso destacado na importación dos asados arxentinos e uruguaios é a exitosa Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña. Os interesados xa poden ir facendo a súa reserva. Carneiro para vinte e para os mesmos vinte empanada, pan, viño, prebe ajilismójilis, café e caña, todo a mesa posta na sombra da carballeira por 300 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *