Salimat, unha imaxe inquietante

Vendedora de frutas

Houbo un tempo en que Silleda foi unha potencia en feiras agropecuarias coa Semana Verde de Galicia, nome que supoño imitou ao da Semana Verde de Berlín cando esta feira alemana era, posiblemente, a máis importante de Europa e que deu pé entón a moitas bromas sobre o eixe Berlín-Silleda. Pero, insisto, Silleda era unha potencia.

Daquela nin había as instalacións actuais nin trazas delas. A feira celebrábase en pleno monte, coa maquinaria distribuída polo medio dos piñeiros, pero non faltaba ningunha das marcas presentes en España, representadas polas súas casas matrices emprazadas en Madrid ou Barcelona. Co tempo as cousas foron cambiando e a Semana Verde foi pouco a pouco a menos, como tamén pasou con outras feiras españolas de primeiro nivel, como a FIMA de Zaragoza, Expoaviga en Barcelona ou Euroagro en Valencia.

En Silleda naceu, como complemento da Semana Verde, o Salón da Alimentación do Atlántico (Salimat) que este ano presenta un aspecto certamente desesperanzador. Semella que se impón un cambio radical e pode que o futuro sexa un mercado no que se poidan mercar chourizos, pan, queixo, empanadas, pasteis… que parece ser o único que interesa aos visitantes.

Eu non esquezo aquelas magníficas edicións dos oitenta e manteño a manía de pasar cada ano pola Semana Verde e Salimat e, como mellor é ser positivo, deixo de seguido as fotos dalgunhas das cousas que puiden ver.

Destacar por derriba de todo a presenza de moitos vendedores de embutidos procedentes da meseta e Extremadura, así como moitos doces de orixe portugués. E a atracción que para os visitantes supoñen esas vacas tan descoñecidas que compoñen o grupo de morenas do noroeste, como as vianesas e cachenas, que son un tesouro que estivemos a piques de perder e que pouco a pouco se van recuperando, o mesmo que o porco celta. Se fan as cousas ben e con cabeza teñen moito que gañar e pouco que perder.

Polo camiño tiven que parar para fotografar ese posto de venta de froitas na estrada, no que unha boneca substitúe á vendedora e compón unha imaxe inquietante.

Empanada

Empanada

Pastel de Tentugal

Pastel de Tentúgal (Portugal)

Vianesa

Vaca de raza Vianesa

Cachena

Vaca de raza Cachena, con cría

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *