Ropa vieja

Ropa vieja

En Galicia e en España a ropa vieja é un prato de aproveitamento de sobras do cocido, cousa que non sucede coa que eu traio hoxe aquí.

En “La cocina española antigua”, Emilia Pardo Bazán asegura que “la condición es que los elementos del manjar sean restos del cocido y, por lo tanto, la carne haya estado en la olla.

Si se hace ropa vieja con elementos nuevos, no sale bien”.

Contra o que asegura a Pardo Bazán, a ropa vieja con elementos novos sae ben e sabe ben cando se emprega a receita cubana.

Precisamos carne de faldra de tenreira, cebola, pemento vermello, allo, ourego, cumiño, sal e viño ou, mellor, vinagre.

En posesión da prezada faldra de vaca, mellor se é limpiña, ponse a cocer en agua na que mellor será que nade algunha verdura, un pouco desto e un pouco daquelo que temos polo frigorífico, cenoria, cebola, perexil, porro…

Ben cocidiña a carne, deixase arrefriar e de seguido desfebrase como se ve na fotografía, quitando calquera resto de graxa e outros tecidos impropios de ir á mesa.

Por outra parte, ponse unha tixola ao lume con aceite de oliva. Para darlle un toque cubano-cubano convén agregar un chisco de pingo de porco. E nese aceite cociñar a cebola, o pemento vermello, o allo e o tomate picadiños agregando abundante ourego e algo menos de comiños, así como a carne, antes de que as verduras están douradas. Reméxese ben, agrégase o viño ou o vinagre e, unha vez reducido este, un pouco do caldo no que coceu a carne e o sal necesario. Tápase e déixase cocer  o tempo preciso para que a carne quede ben tenra, agregando caldo se é necesario.

Mentres coce pódese preparar un arroz branco para acompañar, así como iuca frita, tostóns de plátano macho, ensalada de aguacate con cebola… e o que a vostede lle apeteza. ¡E que aproveite, compai!

Nota: a cociñeira cubana Nitza Villapol, emparentada cos Villapol do Valadouro e Lourenzá, engade tamén loureiro e pementa, dous condimentos moi propios da cociña cubana que eu non emprego nesta receita. Ela tamén pon perexil picado na tixola, pero a min vaime máis no caldo de cocer a carne

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *