Contra os descartes na pesca. Responsables somos todos

Miradas

Comeza una campaña, que vai dar moito que falar, contra os descartes de peixe que se devolve ao mar polos máis diversos motivos, causando unha mortalidade da que ninguén se aproveita. Polo momento parece que todas as mans tiran pedras cara o mesmo obxectivo, que non son outras que as grandes empresas da pesca, como se foran as únicas responsables do que sucede. E responsables somos todos.

Non quedan moi lonxe os tempos en que se tiraban ao mar barcos enteiros de xurelos, sardiñas, lirios… porque os prezos na lonxa non acadaban uns mínimos rentables. Non eran barcos de grandes empresas.

O furtivismo segue estando presente todos os días nas nosas costas. Recóllense peixes e mariscos fóra de temporada, en tallas que non chegan ao mínimo esixido e en zonas prohibidas por cuestións sanitarias. E recóllese porque alguén merca eses produtos. Nin os furtivos nin os “peristas” son grandes corporacións. Moitas veces son simples consumidores.

Así que o problema somos todos, en maior ou menor medida. Son as grandes empresas pesqueiras, as pequenas e as artesanais. E somos os consumidores e, como non, os cociñeiros que agora encabezan a campaña.

Non é de recibo que os consumidores galegos consuman pescada desembarcada no porto de Boston, trasladada en avión ata o aeroporto de Vitoria, dende alí en camión ata un almacén loxístico situado en algún lugar que descoñezo e dende ese almacén volta a viaxar en camión ata Galicia. Despois do consumo de gasoil, queroseno e horas de traballo que iso supón, esa pescada está no supermercado ao mesmo prezo que a desembarcada en calquera porto galego. Algo falla. Entre outras cousas o criterio dos consumidores desa pescada, que na preceptiva tabliña so miran o prezo.

E somos responsables, consumidores e cociñeiros, por pechar o noso consumo a un reducido número de especies, descartando o resto. Os barcos non traen a terra o que en terra non hai maneira de comercializar.

Creo que en Galicia vivimos unha situación relativamente distinta doutras partes de España. Aquí, xunto con pescadas ou linguados, podemos atopar no mercado e no restaurante especies baratas pero deliciosas, como xurelos, escachos, xardas, sardiñas… pero xa non é tan doado ver as fanecas, maragotas, lirios e tantas outras variedades que cada día descarga nos nosos portos a flota de baixura.

Paréceme moi positivo loitar contra os descartes e por unha pesca máis respectuosa co medio mariño. Pero con sentidiño e reparando nas vigas e nas pallas, nos ollos alleos e nos propios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *