Corte Inglés, o “restaurante de Pablo”

En Santiago, o do Corte Inglés é, para algúns, “o restaurante de Pablo”. Porque Pablo, responsable de restauración do centro compostelán, é un profesional que transmite seguridade ao cliente a pesar de que non o ten nada fácil porque seguramente nove de cada dez, como diría o anuncio, non pensan na posibilidade de comer alí como non sexa un prato rápido na cafetería.

Periodicamente vexo na prensa compostelá comidas de presentación da carta estacional aos xornalistas locais, pero esta vez tamén me invitaron á min. Igual xa se arrepentiron, porque pediron opinións criticas e eu dinas abertamente e co único ánimo de axudar a mellorar as cousas.

Eu era dos que só comía alí, na cafetería, con présas. E descubrín que por pouco diñeiro máis se pode comer, sen tantas présas, no restaurante. Unha cociña sinxela e honesta, con boas materias primas, boa elaboración e o habitual servizo da casa. A nova carta incorpora novidades como a pasta, tixolas, ovos… co obxectivo de seguir mantendo un bo servizo a prezos contidos, que os tempos non están para malgastes.

Probamos varios pratos da carta como o salmón afumado (en realidade macerado en sal afumado) cunha estupenda vinagreta de orellóns de albaricoque e xeado de mazá aceda; unha mellorable ensalada de froitas; delicioso ovo fritido sobre pan de millo, marmelo e tomate; un sinxelo pero saboroso arroz negro con choco, que agora están nun momento espléndido; bacallau con verduras e un prato difícil de entender: un taco de boi que non quere parecer boi. Limpo, sen pinga de graxa para evitar cheiros no comedor. Creo que mellor sería retiralo da carta ou substituirlo por outro tipo de carne. Para sobremesa unha mousse de chocolate con sopa de mango, un estupendo café e a constatación de que tamén no Corte Inglés pódese comer correctamente e a bo prezo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *