O queixo do trigo

Parece que noutro tempo gardábase queixo nas huchas onde se almacenaban os cereais, sen ter moi claro hoxe se con esa práctica se buscaba modificar as características organolépticas do queixo, unhas mellores condicións térmicas no verán ou, como aseguran algúns, era a maneira de esconder o produto de miradas non desexadas.

A última explicación ten moita lóxica, xa que a hucha do trigo serviu para gardar máis que o queixo. Era un agocho habitual dos cartos e outras riquezas da casa. En 1888 o cura de Santa Cruz do Valadouro era asasinado, xunto con dúas criadas e un criado, para roubar os cartos que había na casa. Os ladróns levaron pouco máis de 900 pesetas, pero non atoparon as case dúas mil que apareceron días despois do asasinato: 7.949 reás agochados… na hucha do centeo.

O das condicións térmicas semella menos realista, xa que resulta fácil que unha vella casa de pedra dispoña de espazos máis frescos no verán que a hucha do cereal. Pero quen sabe…

Quédanos a posibilidade de buscar un tipo diferente de queixo. Descoñezo se o buscaban ou non, pero teño ben claro que o conseguiron, despois de probar o queixo curado en centeo da Casa Grande de Xanceda, do que xa falei aquí.

Agora agardo impaciente a probar o queixo da Ulloa que Arqueixal prevé curar nas huchas do trigo do país que cultivan na Ulloa. Como ben dixo na entrevista da Cadea SER o propietario da queixería, Xosé Lois Carreira, trátase de recuperar unha vella tradición da zona que estaba perdida. ¡Xa nos tarda probar o resultado!

Entrevista a Xosé Lois Carreira, propietario de Arqueixal, en Cadena SER Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *