Freces

Freces

As freces naceron, seguro, da necesidade. Da necesidade de aproveitar todo o que había na casa na que nada sobraba, nunha economía labrega de subsistencia.

E cando se cocía a manteiga para levala ao mercado, non se podían desaproveitar os restos da mesma que quedaban na pota. E co pan reseso que quedaba na lareira, un pouco de leite e fariña e algún ovo, todo mesturado e cocido, obtívose una amodado, como unhas papas ben espesas, ás que unicamente lles faltaba algo de doce para converterse nunha larpeirada deliciosa. Na casa non habería azucre, nin con que mercala, pero si mel.

A receita estivo xusto a piques de desaparecer, pero algunha cabeza ben amoblada de Bretoña, no concello lucense da Pastoriza, pensou que podían dedicarlle unha festa gastronómica as freces, en compaña da bola de liscos da que xa falamos nun post anterior. Puideron facer a festa do churrasco e acabar antes, pero preferiron lembrar a cociña dos seus antepasados, demostrando que por aquelas terras aínda queda xente sensata.

Hoxe para preparar as freces xa non é preciso recorrer aos restos da manteiga cocida e empregase a manteiga toda, en compaña de pan reseso remollado en leite, fariña triga, ovos os que se precisen, mel e azucre. E moito esforzo para preparar cinco grandes potas de freces para despois da bola de liscos, nunha comida calórica que demanda unha boa siesta nunha camposa fresca, nas que a Pastoriza é abundante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *