Bola de liscos

Bola de liscos

Bola de liscos

A cociña de recursos limitados que durante décadas, ou séculos, se practicou nas zonas rurais de Galicia é a gran esquecida do país pero en ocasións ofrece pratos memorables que ben merecen ser recuperados e reintegrados nese patrimonio común que é a cociña popular galega, tan diferente e tan afastada do que habitualmente podemos atopar nos restaurantes do país.

Un deses prodixios é a bola de liscos que dun tempo a esta parte están a recuperar no concello lucense da Pastoriza, na compaña das freces, unha notable larpeirada que tamén pertence a esa cociña de recursos limitados e das que falaremos nun próximo post.

A bola de liscos é, xa o dixen, un verdadeiro prodixio porque é moi difícil que con tan poucos recursos se poida obter un resultado tan maxistral: masa de pan, panceta afumada, chourizo e verzas. E para máis mérito, as verzas so entran na bola como envoltorio, inda que transmiten á mesma un aroma e sabor moi definido.

Cóntanme na panadería Seivane (Bretoña, A Pastoriza) os misterios da bola.

Unha simple masa de pan elaborada cunha mestura de fariña de trigo do país e foránea (é sabido que a fariña do país panifica mal pero sabe ben, e precisa axuda para facer o seu traballo), estendida sobre verzas ás que previamente se lles quita o nervio central. Sobre a metade da masa bótanse anacos de panceta afumada, ben desalgada, e rodaxas de chourizo (non hai cebola, nin pementos, nin nada, absolutamente nada máis). Dóbrase a masa para cubrir o recheo coa outra metade e péchase. Non se empregan dúas porcións de masa, como nas empanadas, senón unha dobrada.

A bola cóbrese de verzas e vai ao forno nese envoltorio vexetal, inda que a media cocción a verza superior se retira para que a bola se doure.

No forno a graxa da panceta enchoupa o pan da masa ao tempo que as verzas aromatizan o conxunto.

Resulta unha empanada gorda pero moi xugosa, aromática e saborosa. E moi, moi viciosa. Había tempo que non comía unha empanada que me chamase tanto a atención.

Bola de liscos (Panadería Seivane)

Bola de liscos

7 thoughts on “Bola de liscos

  • 13 de Marzo de 2012 at 21:21 09Tue, 13 Mar 2012 21:21:12 +000012.
    Permalink

    Hayvalahostia, unha calzone enxebre!! 🙂

    En serio, non sei como carallo fas para atopar esas cousas. Eu sempre que vexo unha panadería con boa pinta resulta que está no outro lado da estrada e non se pode aparcar.

    Reply
  • 14 de Marzo de 2012 at 12:16 12Wed, 14 Mar 2012 12:16:27 +000027.
    Permalink

    Eu tamén lembrei a calzone cando me explicaron a forma de facela (cando cheguei xa estaban todas cocidas ou no forno). Paga a pena ir ata Bretoña para probar esta marabilla.

    Reply
  • 14 de Marzo de 2012 at 14:03 02Wed, 14 Mar 2012 14:03:43 +000043.
    Permalink

    que boa pinta, é moi curioso o de cocelas coas berzas, pois na miña casa miña aboa cocia o pan nas berzas cando non tiña papel para porlle por debaixo e o forno estaba moi alto e a verdade é que o pan ten outro sabor. Case que dan gañas de encender o forno de leña este fin de semana para probar esta empanada

    Reply
  • 15 de Marzo de 2012 at 20:51 08Thu, 15 Mar 2012 20:51:10 +000010.
    Permalink

    Rocío, aquí as verzas son fundamentais, xa que lle dan un aroma e un sabor moi definido á bola. Sen elas o resultado sería moi distinto.

    Reply
  • Pingback:Colineta » Blog Archive » Freces

  • 24 de Marzo de 2012 at 15:30 03Sat, 24 Mar 2012 15:30:28 +000028.
    Permalink

    Moitas grazas por dar a coñecer estes boas costumes, que son a nosa tradición e non podemos renegar dela! e por riba algo tan antural e san!!!

    Reply
  • Pingback:Colineta » Blog Archive » As curiosas empanadas da Mariña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *