O Forum máis cultural

Unha longa e intensa ovación se escoitou no auditorio, a reverter, do pazo de congresos no penúltimo acto do Forum Santiago 2012, no que se entregaron os premios Picadillo. O público recoñeceu co seu aplauso a labor de todos os agasallados, inda que me pareceu especialmente intensa no caso de Belarmino Fernández, o emigrante de Sober (Lugo) que montou o imperio Rubaiyat e non esqueceu a súa terra, onde entre outras cousas montou unha escola de hostalería.

Pero a soa mención do agasallado co premio especial fixo atronadores os aplausos: Isaac Díaz Pardo, recoñecido pola “súa especial contribución á preservación e renovación da cultura e da identidade galega traducida, no ámbito gastronómico, na creación de toda unha identidade plástica singular para a mesa e a gastronomía de Galicia a través da vaixela e as pezas cerámicas”.

Cultura e gastronomía da man pechaban a edición do Forum en que máis presente estivo a Cultura, con maiúsculas, collida da man da cultura gastronómica, que non por máis practicada deixa de ser cultura.

Atrás quedaran xa o Cine-Cena ou a sesión de Ópera e Gastronomía do venres e o Gustorama do sábado. Ou a sesión do domingo dedicada a Cunqueiro (Álvaro Cunqueiro na cociña galega actual) na que non so homenaxeamos ao escritor de Mondoñedo senón que lembramos a obra literaria e gastronómica de Julio Camba con motivo do cincuentenario do seu pasamento (28 de febreiro de 1962) e tamén de Rosalía de Castro, nacida en Compostela hai 175 anos (24 de febreiro de 1937).

De Camba é coñecido especialmente “La casa de Lúculo”, inda que a gastronomía está presente noutras partes da súa obra.

Rosalía é coñecida por todos pero a súa obra descoñecida pola maioría. Por iso rematamos a sesión coas primeiras estrofas de “Follas Novas”, obra fundacional da literatura galega contemporánea. Cinco estrofas cheas de cousas de comer:

Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
has de cantar,
que che hei de dar moitos.

Has de cantar,
meniña gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.

Canta, meniña,
na beira da fonte;
canta, daréiche
boliños do pote.

Canta, meniña,
con brando compás,
daréiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che daréi;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Qué ricas que saben!

2 thoughts on “O Forum máis cultural

  • 03 de Marzo de 2012 at 15:03 03Sat, 03 Mar 2012 15:03:36 +000036.
    Permalink

    Bueno, vale, paseime na miña contracrónica, pero tampouco non hai que avasallar 🙂

    Reply
  • 03 de Marzo de 2012 at 15:05 03Sat, 03 Mar 2012 15:05:42 +000042.
    Permalink

    Carallo, eSedidió, colleume con deberes sen facer. Agora mesmo leo a súa contracrónica e xa lle direi.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *