Unha noite prodixiosa

Cuncas

A do 22 de decembro foi unha noite chea de prodixios que a emoción do momento nos impediu apreciar. Ando agora buscando sombras polas fotos publicadas porque, sen dúbida, o mestre Cunqueiro estivo preto de nos nalgún dos momentos do roteiro gastro-literario con que celebramos o seu centenario.

Nos seus tempos mozos, de estudante universitario en Compostela (Prefiro Mondoñedo e Compostela a todo, escribiu na súa autobiografía de 1935), Cunqueiro foi perseguidor de sombras polos recunchos de Santiago e un día nas Platerías viu pasar a de Don Gaiferos de Mormaltán, segundo conta o seu íntimo amigo Francisco Fernández del Riego. E coñecendo tan ben as sombras santiaguesas, seguro que el mesmo foi onte unha delas.

Tamén se manifestaron os seres do inframundo, demos transmutados en músico insolente e maleducado. Cunqueiro escribiu moito sobre demos que toman formas humanas, de animais e cousas, incluso de un que se meteu no corpo dunha monxa o día que ela comeu leituga. E ponlles nome e conta a súa historia lendaria, pero non lembro ningún que fose músico, igual este é unha novidade.

Os prodixios multiplicáronse nas nosas cuncas, marcadas todas co número 22, como a que Cunqueiro empregaba, de mozo, no Padre Benito e ata un mal viño nos soubo ben e alí onde fomos beber e comer nos trataron con cariño inda que a entrada pola porta dunha tropa de máis de trinta sedentos e famentos poida asustar ao taberneiro máis bregado.

Disfrutamos da poesía e a prosa de Cunqueiro. Houbo risas ante as historias fantásticas do escritor e un momento especialmente emocionante cando, na Acibechería, descubrimos que Hylas, a cretense que chamamos Eco, se deixa escoitar en Compostela: “…bajando por la azabachería, cabe el arco que llaman del Arzobispo, se oye la voz de Eco como en ningún otro lugar del mundo“.

Ao mesmo tempo que Compostela, homenaxearon a Cunqueiro coa cunca na man as cidades da Coruña, Lugo e Tui e moitas outras xentes nos seus blogs, nas redes sociais e nos seus corazóns. Hoxe no ceo dos escritores gastronómicos seguro que máis de un envexa ao noso paisano, inda que se botasen de menos as voces dos que non foron capaces de sacrificar un minuto do día para pronunciar o nome do mindoniense, que andará na compaña dos seus amigos galegos (Jorge Víctor Sueiro, Picadillo, Julio Camba, Emilia Pardo Bazán) e non galegos (Josep Pla, Néstor Luján, Xavier e Euxenio Domingo, Simone Ortega) e o acabado de chegar Joaquín Merino, ao que lle estarán mostrando as cociñas do lugar.

One thought on “Unha noite prodixiosa

  • 23 de Decembro de 2011 at 22:28 10Fri, 23 Dec 2011 22:28:47 +000047.
    Permalink

    Siempre me pesa un poco la distancia con Galicia, pero esa noche me pesó un par de toneladas más 🙁

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *