Álvaro Cunqueiro

Vinte e dous de decembro. Para a meirande parte dos cidadáns deste país o día da lotería de nadal e, por extensión, o da saúde para os que teñen que conformarse con seguir como estaban, que son case todos.

Pero tamén para moitos hoxe é o día de lembrar ao inmortal escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, que tal día coma hoxe, hai cen anos, respiraba por primeira vez os aires daquel Mondoñedo rico en pan, aguas y latín, como anos máis tarde el mesmo o definiría. Nada se sabe dos seus primeiros choros infantís, pero a bo seguro que foron requintados e fantasiosos.

Pasou o tempo e Cunqueiro percorreu o país enteiro e vese que en todas partes foi absorbendo influencias que despois levaría a unha obra ao tempo universal e profundamente galega.

Aló por 1935, con 24 anos, escribiu, manuscrita, unha pequena autobiografía na que conta que de neno tiña paixón polos cabalos e os encaixes e que era pouco xogantín, mentireiro e contemprativo. E tamén que con oito anos xa lera a Xulio Verne e Os miserables, de Víctor Hugo, amosando dende moi neno a voracidade lectora que o acompañou toda a vida.

Co bacharelato comezaron as súas viaxes polo país, e foi Lugo a cidade na que pasou a súa adolescencia. Conta Cunqueiro que alí comezou a falar galego a cotío e escribiu unha novela de aventuras con Buffalo Bill, el mesmo, Napoleón e outras personaxes. “Os personaxes falaban en galego e as cousas pasaban en castelán” escribe.

En Lugo deu en ler libro, xornais, revistas “sen tasa, sen orde, sen concerto posible“. E despois de falar dos cazadores da súa familia declara que lle gustaría ser “cazador e intérprete“.

En 1928 chega a Santiago para estudar Filosofía e Letras, carreira que nunca remataría, e asegura que lle tira a pintura e que lle gustaría dibuxar ben. E xa non conta nada máis, a non ser os paseos que lle gusta facer por Mondoñedo.

Despois chegaría a guerra, o tempo pasado en Madrid, o duro regreso a Mondoñedo e unha longa etapa viguesa dedicada ao xornalismo e a literatura.

Coa guerra civil chega un cambio importante na obra de Cunqueiro. Nos seus primeiros anos de escritor Cunqueiro escrebe poesía en galego (Mar ao norde, 1932, Poemas do si e do non, 1933, Cantiga nova que se chama riveira, 1933,…) pero durante a guerra comeza a colaborar en diversos xornais, con artigos escritos en castelán. A partir de entón na súa obra xornalística predominará o castelán e na obra literaria o galego, inda que en ningún do casos de maneira exclusiva.

E cos artigos xornalísticos chega o Cunqueiro interesado no mundo dos viños e a gastronomía, que acabaría non so inundando as súas colaboracións en xornais e revistas senón tamén as súas novelas, contos, relatos e, en definitiva, toda a súa obra en prosa, mentres a poesía e o teatro se mantiveron alleos aos seus intereses culinarios.

Deixounos Cunqueiro unha obra inmensa. Trinta anos despois da súa morte aínda seguen aparecendo novos libros de recopilación de artigos xornalísticos, e seguen moitos outros durmindo nas hemerotecas agardando o investigador inquedo.

Traballador incansable, naquela autobiografía manuscrita aos 24 anos Cunqueiro explicou o seu método de traballo:

Ren poido dicir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nel e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela mesma luz, van saíndo outras verbas diferentes, caseque un mundo. Iste é o poema“.

Na foto (deus sabe a quen lla roubamos) Cunqueiro e Josep Pla collen do brazo a Carmen, a cociñeira do restaurante vigués Mosquito. A primeira galega en obter unha estrela michelín. Foi en 1980, o mesmo ano en que lograron a súa Casa Solla e o desaparecido Chocolate, de Vilagarcía de Arousa

2 thoughts on “Álvaro Cunqueiro

  • 24 de Decembro de 2011 at 01:46 01Sat, 24 Dec 2011 01:46:40 +000040.
    Permalink

    El de la derecha en la foto es Torrente Ballester, no?

    Reply
  • 24 de Decembro de 2011 at 19:05 07Sat, 24 Dec 2011 19:05:38 +000038.
    Permalink

    Efectivamente, Fernando, es Torrente

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *