Foise Joaquín Merino, un home “fastuoso”

Pode que fora el un dos responsables de que eu sempre andara metido entre cazolas, polo menos no aspecto escrito da cuestión. El, xunto con Eugenio Domingo e Acacia Uceta son os meus referentes dun estilo de radio que escoitei de rapaz. Carlos Tena e Adrián Vogel (Para vosotros jóvenes) eran os outros e, miren por onde, o primeiro día de clase na facultade de Xornalismo da Complutense o profesor quixo coñecernos polos nosos nomes (¡e iso que eramos arredor de douscentos alumnos!) e despois de Vila, Miguel Vila, dixo o nome de Vogel, Adrián Vogel, que era o que se sentaba á miña dereita.

Pero quería escribir sobre Joaquín Merino. Daqueles anos de mediados da década dos setenta mestúranse na miña cabeza o nome dun programa de sobremesa (Estudio 15-16) e os de Fernando Rodríguez Madero (pode que fose o presentador) e os xa ditos Joaquín Merino, que falaba de gastronomía e historias londinenses, Acacia Uceta (escritora e viaxeira, que falaba pois, de viaxes, como agora fan os seus fillos) e Eugenio Domingo, o irmán menos coñecido de Xavier, que tamén contaba as súas historias fantásticas e gastronómicas. Pode que todos coincidiran no mesmo programa ou o faigan so nas miñas lembranzas, pero formaban un tándem fenomenal, fastuoso, que diría o admirado Merino.

Twitter acaba de traer a nova do falecemento de Joaquín Merino, que nos deixa sen unha pluma e unha voz básicas no xornalismo gastronómico e de viaxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *