Doce mandamentos para mercar un Capón de Vilalba

O próximo domingo repetirase un rito galego do que moitos falan e non todos coñecen: a feira do Capón de Vilalba, á que concorrerán, como cada ano, arredor de 1.200 animais.

Paga a pena pasar por Vilalba e mercar un capón, pero para iso é necesario saber algunhas cousas:

1.- Os capóns preséntanse por parellas habitualmente, pero véndense por unidades. Aquilo de “¿a onde vou eu con dous capóns?” non serve.

2.- Trátase dunha feira, así que o prezo non é fixo. Se a vostede lle gusta o trato, trate. Pero non esqueza que ten enfronte a profesionais que todos os anos se ven na mesma situación.

3.- Se non lle vai o trato igual sabe aproveitar as flutuacións do mercado. Como en toda feira os prezos soben ou baixan en función da oferta e a demanda. O complicado é saber cal é o mellor momento para comprar.

4.- Se lle parece caro o que vai pagar polo seu capón pense que da para comer a gusto unha ducia de persoas. Calcule canto lle vai custar outra carne para toda esa xente e verá que o prezo está moi axustadiño.

5.- Antes de mercar déalle un volta a toda a feira, pregunte e fale con vendedores e compradores.

6.- Leve no peto unha bolsa axeitada para acoller o que merque. Esta é unha feira, non un supermercado.

7.- Se pensa mandar o capón de agasallo debe saber que na propia feira lle venderán unha caixa de madeira adecuada para ese fin. E que alí mesmo poderá expedir o capón por medio dunha compañía de transporte urxente refrixerado. Isto é unha feira, pero con todas as comodidades.

8.- Se vai levar o capón para a casa no maleteiro do coche non está de máis que leve no mesmo unha bolsa térmica ou unha neveira de cámping. Se pensa mercar máis dun capón leve tantas bolsas como animais vai adquirir. Se as esquece (que as esquecerá) pode mercalas nun comercio vilalbés, que estarán todos abertos.

9.- Se, unha vez na casa, desexa cociñar o capón seguindo a receita de Toñi Vicente, recheo de mazás como lle gustaba a Cunqueiro, mire este post de Colineta.

10.- Se prefire elexir outra receita, merque o libro El capón de Villalba y su cocina.

11.- Se quere saber algo máis sobre o que escribeu Cunqueiro sobre os capóns de Vilalba, pique aquí.

12.- Se ten algo máis que dicir ao respecto (que o terá) dígao para que aprendamos todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *