Escritores e cociñeiros

En Galicia escríbese moito de gastronomía e faise dende tempo inmemorial, de maneira que a obra literaria, mesmo poética, de multitude de autores galegos está trufada de cociña e gastronomía. Falábao o domingo con Mariano García, co autor do Libro da empanada mentres degustábamos a empanada preparada por Fina Casalderrey, autora da devandita obra.

No comedor do restaurante Rúas de Pontevedra unha trintena de comensais unidos por un nexo común: a literatura e a gastronomía. Escritores a meirande parte dos presentes e catro deles cociñeiros a tempo parcial.

Da autoridade de Fina Casalderrey en materia culinaria dan boa fe dous libros que xa son manuais para calquera afeccionado á cociña galega: o devandito Libro da empanada e o non menos importante Repostería en Galicia. Da man de Fina chegou á mesa a empanada de millo con berberechos.

Seguiulle a tortilla, ao modo de Cacheiras, de Xosé María Álvarez Cáccamo, que se declarou cociñeiro á forza, inda que parecía que non lle proía moito esa sarna.

Pola contra, Xabier P. Docampo reivindicou o oficio de cociñeiro con todas as da lei. Súa foi a mellor frase da comida: “Eu cociño en defensa propia“. E súa a receita do peixe sapo con prebe de albariño e abelás. Prebe ben interesante, por certo, e que igual de ben que ao peixe penso que lle iría a certas carnes.

Rematou a comida cun crumble de amoras, receita de Xesús Fraga, que proclamou a súa causa perdida no comedor: a reivindicación da cociña inglesa dado o seu berce británico. Sen dúbida algunha, Xesús respaldou a súa reivindicación cun moi potente, e delicioso, argumento.

A comida arredor das receitas dos escritores celebrouse no marco do Culturgal, que tivo lugar en Pontevedra na primeira fin de semana de decembro. Confirmado está que en Galicia se escribe moito sobre gastronomía e confirmado queda que os escritores galegos tamén se meten na cociña cando é preciso.

Fina, Cáccamo e Docampo están en Cociñando ao pé da letra. Fraga publicou recentemente 50 recetas con moras y otros frutos silvestres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *