#ACunqueiro: un gran banquete cunqueriano

Foto: Soledad Felloza

Este feliz e morno novembro reservámolo algúns amigos para honrar a memoria do escritor e gastrónomo galego máis importante do século XX, por non dicir da historia de Galicia, sentados arredor dunha mesa ben servida.

É de rigor, para comezar, unha visita ao restaurante Ácio, do laurentino Iago Castrillón, onde nos agasallan cun ilustre viño da Ribeira Sacra e unha tapa que lembra aquel polo con figos comido por Cunqueiro debaixo dunha figueira ao pé da torre de Caldaloba, na chaira lucense.

Despois, no restaurante Pedro Roca, chega á mesa lo lacón trufado, na gran tradición coquinaria de Occidente e que aquí conservaron as grandes abadías de antano e os pazos do XVIII.

Despois a ostra en escabeche, noutro tempo obxecto de exportación en barriliños, seguido dos bertóns recheos, de longa tradición en Galicia, inda que neste caso no seu interior había centola e non carne picada.

Tras eles as ancas de rá en salsa verde, prato celebrado entre os hóspedes do máis famoso hostal de Antioquía, a cidade asolagada pola lagoa de Antela onde os cabaleiros da Táboa Redonda e os seus exércitos agardan, convertidos en mosquitos, o regreso do rei Artús.

Séguelle o risotto con tropezos de vaca, que agardaban os soldados de Roma cando as tropas de Fanto Fantini della Gerardhesca os sorprenderon e venceron. E despois a perdiz ao espeto, receita na que era experto o menciñeiro Matías Vello, que se ofrecía para cociñar nas casas en que era convidado a comer e daba leccións de compostura na mesa e ensinaba a trinchar o capón.

Avanzaba a tarde cando chegaron á mesa o requeixo con mel e a máis aparatosa das tortas galegas, coñecida como de Mondoñedo. Despois o café (o menciñeiro Liñares de Eirís cobraba en café, que dicía era máis limpo que facelo en diñeiro) e as roscas, que eran de Casa Marcelo, bañadas en almibre.

Beiral está na doación de Odoario, bispo repoboador de Lugo, pero por un día Beiral estivo en Compostela, como antes ca min dixo Pantagruel.

NOTA: para os lectores de Cunqueiro resultará fácil adiviñar que este post está composto con retales do mestre de Mondoñedo e o que non é seu é imitación.

O menú foi dirixido por Pedro Roca, coa colaboración de Flavio Morganti (Risotto de vaca vella), Chef Rivera (Perdiz ao espeto) e Marcelo Tejedor (Rosquillas). Mil anos de éxitos aos catro e a Iago Castrillón, que nos ofreceu o aperitivo.

Gracias mil a Manolo Gago e Soledad Felloza, que o traballaron duramente. A Antonio Portela, que explica os viños coa mesma mirada de John Malkovich nas súas películas. Ao Consello da Cultura Galega, Asociación de Hostelería de Santiago e María Fechoría, pola súa colaboración. E a todos os que participaron e participan, presencialmente ou a través da rede, nesta homenaxe a Álvaro Cunqueiro.

E non esquezades que o día 22 se celebra o centenario do nacemento do escritor. En Santiago celebrarémolo cun roteiro gastro-literario que podería repetirse noutras cidades e vilas galegas.

Recomendables:

Capítulo Cero, Pantagruel supongo, Laconada, O viticólogo dos bagos, Carmen Albo

2 thoughts on “#ACunqueiro: un gran banquete cunqueriano

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *