Salchichón de poldro Monte Cabalar

Salchichón de potro

Nos últimos tempos son noticia unicamente polos problemas que causan a algúns veciños da zonas onde habitan ao invadir hortas e sementeiras. Falo das bestas bravas, os cabalos que viven en liberdade en moitos montes de Galicia dende tempos moi, moi remotos.

O traballo dunha cooperativa estradense, Monte Cabalar, pode cambiar esa percepción negativa que algúns teñen da existencia deste gando ceibo se a súa liberdade volve a dar un bo rendemento económico, como en tempos pasados, cando as súas crinas era moi apreciadas pola industria dos cepillos, brochas e pinceis.

O mellor estudo sobre as bestas bravas foi realizado hai décadas por un funcionario madrileño que aterrou por Ourense e ao primeiro problema que tivo que buscar solución foi aos ataques dos lobos a este gando. A tese doutoral de Pedro Iglesias dorme, inédita, nos andeis da facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid e un exemplar faino tamén na miña biblioteca. Pedro fala da chegada do cabalo a Galicia varios miles de anos antes da nosa era e da súa presenza, ceibo, nos nosos montes dende hai séculos.

Probablemente Galicia siga a ser a comunidade autónoma española con maior censo de gando equino gracias a esa gandería semi salvaxe. Os cabalos que hoxe poboan os montes galegos son, en boa medida, un cruce de razas, pero pola súas veas segue a correr o sangue daqueles cieldones que tanto apreciaron os exércitos de Roma pola súa capacidade de traballo.

Pero non imos falar da historia dos nosos cabalos senón do aproveitamento que dos mesmos están a levar a cabo en Monte Cabalar, unha cooperativa creada en 2006 nas terras da Estrada e que xa agrupa a varios centos de socios que crían no monte cabalos, vacas, cabras e ata porcos celtas.

Recentemente Monte Cabalar sacou ao mercado o salchichón de poldro, elaborado cun 85 por cento de carne de poldro (moi magra) e un 15 por cento de touciño de porco celta. Cabe salientar a baixa porcentaxe de touciño empregado, máis cando a carne de poldro é moi magra. Para facernos unha idea, o regulamento da IXP Salchichón de Vic non indica a porcentaxe de touciño empregado na súa elaboración, pero si a porcentaxe máxima de graxa no análise químico do produto: 48 por cento.

O salchichón de poldro de Monte Cabalar, que se pode ver na fotografía, resulta saboroso, coas características propias da condimentación habitual deste embutido, pero co carácter peculiar que lle da o feito de que o magro empregado é de poldro e non de porco. Para o meu gusto o salchichón resulta lixeiramente doce, o que a moitos pode levar a pensar no tópico de que a carne de poldro é doce. Este defecto, facilmente corrixible, seguramente se debe a un exceso nos azucres que o salchichón declara na súa composición.

O produto está xa á venda en certo número de establecementos na provincia de Pontevedra e na zona de Santiago. Eu merqueino en Seco (Santiago de Compostela) cun prezo de oito euros a bolsa de dous salchichóns, que en total pesan algo máis de 400 gramos.

Entrevista en A vivir Galicia (Cadena Ser) a Fuco Barreiro, de Monte Cabalar:

One thought on “Salchichón de poldro Monte Cabalar

  • 28 de Setembro de 2011 at 02:33 02Wed, 28 Sep 2011 02:33:13 +000013.
    Permalink

    La verdad es que siempre los gallegos estamos aconstubrados a comer animales de dudosa alimentación, el potro, el caballo o el toro es una carne exquisita , con poca grasa.
    Los caballos no comen en un río mirando al sol, lo hacen de espaldas a el para que su sombra pueda darle una visión de las hiervas que comen , como Berros y otras. La carne de potro es exquisita y muy recomendable.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *