Empanada

Empanada de mejillones y chorizo

En cuestión de empanadas os gustos son tantos por Galicia adiante que non é posible definir con detalle qué é unha empanada galega nin, polo tanto, o que un opine sobre determinado produto vai coincidir coa opinión de moitos outros.

Por Galicia adiante teño comido empanadas de todo tipo, estando na masa a principal diferenciación entre unhas e outras, xa que no recheo, mexunxe, zaragallada ou como se lle queira chamar ao compango de dita masa, existe unha uniformidade moito maior, inda que con evidentes diferenzas.

Non vou entrar nas empanadas de millo, ou nas de follado que pola Mariña chamamos pastelóns, senón exclusivamente no que é maioritario no país: as de trigo.

Destas empanadas con masa de trigo hai de todo por Galicia adiante: as de masa moi gorda, as que teñen unha masa tan fina que case non existe e as intermedias en todo tipo de gradación. Aquelas envoltas en masa de pan sen máis adobíos e as que levan a masa gramada co aceite do recheo, manteiga, pingo ou calquera outra graxa. As secas e aqueloutras que de tanto prebe obrigan a comelas con garfo porque a capa inferior de masa resulta tan enchoupada que non hai maneira de collela coas mans, que é como sempre comemos os galegos a empanada e como a min me gusta comela, sexa cal sexa a categoría do restaurante.

De todas probei empanadas boas e malas, e regulares en toda a gradación posible, pero as que máis me gustan, polo xeral, cómense coas mans pero están celmosas, teñen masa, pero delgada e, sobre todo, renxente.

Ven toda esta explicación previa a raíz de que fai uns días recibín de agasallo unha empanada de mexillóns con chourizo procedente da Panadería Iglesias, de Aldán (Cangas do Morrazo, Pontevedra).

O recendo da empanada ao abrila prometía unha boa experiencia e abofé que así foi, inda que…

Deixemos o inda que para o final. O sabor da empanada foi digno do aroma inicial. Un recheo moi equilibrado de mexillóns, o sabor dominante, e cebola, no que o chourizo e outras verduras tiñan unha presenza residual. Abundante, saboroso e, sorpresa para min, lixeiro recheo. E digo sorpresa porque a empanada acostuma a sentarme pesada e por costume teño a súa lembranza na boca toda a tarde (é dicir, repíteme), mentres neste caso non pasou tal, malia que a probei varias veces en días sucesivos, comprobando que aguanta ben o paso do tempo..

O inda que corresponde á masa. Branda, diametralmente oposta á masa renxente que a min me gusta e que posiblemente sexa o reto que teñen que resolver moitos fabricantes de empanadas. Quede claro que este é un punto débil desta empanada para o meu gusto, o que non significa que a outros non lles guste.

A empanada ten un prezo de venda de 13,6 euros, que me parece correcto. O malo é que se incrementa noutros oito cos gastos de envío, o que a converte en cara en Galicia. Pero pode ter unha boa saída na venda online a outras partes de España

3 thoughts on “Empanada

  • 13 de Setembro de 2011 at 12:07 12Tue, 13 Sep 2011 12:07:19 +000019.
    Permalink

    Yo la verdad, depués de probar unas cuantas de momento me quedo con las que hace Valencia en la Carretera de Catabois de Ferrol.
    Saludos

    Reply
  • 13 de Setembro de 2011 at 14:41 02Tue, 13 Sep 2011 14:41:33 +000033.
    Permalink

    Yo recuerdo con mucho cariño las que fabricaba en Madrid el actual dueño de la fabrica de licores “Meigas Fora”, el Sr.Domingo Cortizas.

    Reply
  • 13 de Setembro de 2011 at 16:31 04Tue, 13 Sep 2011 16:31:32 +000032.
    Permalink

    Pues por aportar otra empanada yo me quedo por proximidad pero tambien por categoría con la de Roiser en Coristanco (A Coruña)… sobre todo la de Zamburiñas y la de Raxo.. estupendas y de masa mas sostenible y crujiente.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *