Cadros para un menú en Agar-Agar

Foie y manzana

Galicia vive un ano fértil para a relación entre gastronomía, literatura e belas artes. A campaña do Consello da Cultura Galega poñendo nun contacto íntimo aos nosos cociñeiros coa literatura de Cunqueiro está dando os froitos apetecidos. Algúns cociñeiros xa atoparon na obra do mindoniense inspiración para os seus pratos e outros descubriron que Cunqueiro é moito máis que A cociña galega. “Lin o libro que editou o Consello e despois fun mercar o Merlín e Familia. ¡Qué maravilla!” me dicía hai pouco un dos cociñeiros participantes na campaña. E xa comentei nun post anterior que As Tixolas, en Viveiro, convocou entre os seus clientes un concurso de relatos gastronómicos hiperbreves con motivo desta campaña.

Por outra parte, vinte e un recoñecidos escritores galegos ofreceron as súas receitas en Cociñando ao pé da letra. Algúns deles xa fixeran antes as súas particulares incursións no mundo da gastronomía, como Helena Villa Janeiro, Xavier P. Docampo, Fina Casalderrey ou Xavier Castro. Algúns deles estarán tamén na miña guía gastronómica da provincia de Lugo, que está a piques de saír ás librerías.

Agora, da man de Gonzalo Rey, Chechu, do restaurante Agar-Agar (Culleredo), a cociña comparte mesa coa pintura e, no futuro, tamén a compartirá con outras artes como a escultura ou a música.

Ata mediados de agosto Agar-Agar ofrece un menú baseado na obra pictórica de Raúl Velloso (Cangas do Morrazo). Tanto o cociñeiro coma o pintor interviñeron na selección dos cadros que compoñen o menú e na elaboración dos pratos, claro que cada un facendo máis fincapé na súa parte profesional.

Seis pratos e dúas sobremesas representan outros tantos cadros, algúns dos cales están expostos no propio restaurante. Xunto con cada un dos pratos chega á mesa unha lámina do cadro que representa e o maitre explica a interpretación que o cociñeiro fai do mesmo.

Nuns casos trátase de interpretacións formais, buscando pratos que representan as formas e colores do cadro. Así, o cadro titulado  Iglesia de Panzón, convertese nunha minestra de verduras na que destaca a torre laranxa da igrexa (unha cenoria posta en pé) e a súa cúpula vermella (un tomate).

Outras veces o cociñeiro interpreta os conceptos expresados no cadro, como por exemplo en Viuda del mar, co emprego de bacallau e de tinta de lura para darlle un aspecto escuro á composición.

Tiven oportunidade de degustar o menú en compañía de Antonio Muíños, que axudou a Gonzalo Rey a montar esta iniciativa, e quedei gratamente sorprendido tanto polo menú como pola profunda relación que pintor e cociñeiro conseguiron darlle ás súas obras.

Ademais dos pratos xa mencionados, compoñen o menú os cadros Adán y Eva, convertido nunha árbore composta por unha tosta de pan, foie e boliñas de mazá (na foto); Torre de Hércules, un milfollas de centola; Geisha sumisa, salmón e shiitake que chegan á mesa dentro dunha campá de cristal con fume; Los Toreros, un delicioso rabo de touro guisado, en compañía dunha banderilla de froitas do bosque. As sobremesas representan os cadros Piano y zafoina e Blanco y negro: cítricos, froitas exóticas, chocolates…

O menú ten un custe de 50 euros (bebidas á parte) e ofrécese ata mediados de agosto. A partir desa data probablemente chegue á mesa do Agar-Agar a obra dun importante ilustrador de cómic galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *