Os activos de A Casa dos Martínez

Foto: http://elblogdeacasadosmartinez.blogspot.com

O cura de Rois non tiña un pelo de tonto, foi o primeiro que pensei despois de probar a carrilleira de boi como lle gusta ao cura de Rois en A Casa dos Martínez (Padrón, A Coruña). Unha carne sensacional nun sensacional guiso tradicional de chup-chup, como afirmou o cociñeiro, Enrique Castillo, asegurando que “aínda non nos da para envasar ao baleiro”, con esa retranca tan súa que non sei se adquiriu aquí, a trouxo de Cataluña ou é froito da mestizaxe cultural.

Con patatas fritas, que aquí no las perdonan“, di Enrique cando me pon diante a carrillera. Pois estupendo. As patacas eran de primeira calidade e estaban magnificamente fritas, así que non puiden máis que aplaudir un prato redondo. Para os galegos as patacas, fritas ou cocidas, son parte fundamental da nosa dieta e por iso non entendo a razón que leva a unha boa parte dos mellores cociñeiros do país a quitalas da noso prato. Especialmente cando temos patacas de enorme calidade e unha gran tradición arredor do seu consumo. Deberían poñerse na mesa con orgullo, sen necesidade de buscar escusas para afastalas de nos.

Ademais da súa cociña, moi próxima á propia experiencia vital do comensal sen por iso renunciar a sorprendernos, A Casa dos Martínez ten un activo impagable no propio Enrique Castillo, sen esquecer ese ambiente acolledor, como de casa de comidas de toda a vista pero cos detalles do mellor restaurante.

Detalle é o que pon Enrique no servizo, no desexo de agradar ao cliente e de explicar cada prato que ofrece na carta e no que chega á mesa. Coa súa actitude fai que o cliente se sinta ben, como na propia casa. Sensación que se confirma cando chegan os lombos de sardiñas, os pementos de Herbón (“sin rabo, como los hacemos en Padrón”), as croquetas, a fideuá, a carrilleira…

Antes de saír pensaba desexarlles bo proveito aos da mesa do lado, como nunha tradicional casa de comidas. Esquecinme e quedaron sen os meus mellores desexos, pero seguro que a comida lles aproveitou.

One thought on “Os activos de A Casa dos Martínez

  • 13 de Xuño de 2011 at 22:04 10Mon, 13 Jun 2011 22:04:06 +000006.
    Permalink

    Estuve por allí este domingo. Croquetas, pimientos, filloa, arroz negro,… Todo muy bueno y aún mejor la atención de Quique. Un saludo!!

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *