Cousas de “colis”

Todo o que se conta arredor do problema sanitario aparecido en Alemaña e atribuído a unha infección por Escherichia Coli lémbrame inevitablemente o acontecido en España hai exactamente trinta anos e que acabaría sendo coñecido como síndrome tóxico, causado polo consumo de aceite desnaturalizado que debería terse destinado a usos industriais non alimentarios.

Tamén daquela un coli foi protagonista durante un tempo do caso. Aínda lembro ao entón Ministro de Sanidade, Jesús Sancho Rof, explicando en rolda de prensa que o problema viña derivado dunha infección por “un bichito tan pequeño que si se cae de la mesa se mata“. O tal bicho era o Vibrio coli, que na redacción na que eu traballaba entón rebautizamos, dada a súa fraxilidade, como Vidrio coli.

Curiosamente, o primeiro morto por culpa de aquela intoxicación masiva produciuse o primeiro de maio de 1981. E tamén, curiosamente, un dos intoxicados foi o poeta galego ao que este ano dedicamos o Día das Letras Galegas: Lois Pereiro.

O Vibrio coli non foi o único sinalado co dedo por aquel entón. Lembro moi ben o efecto devastador que tivo o feito de que nun momento se acusase aos amorodos de Aranjuez de ser a causa da intoxicación. E moito menos poido esquecer cantos anos tiveron que pasar para que a mención da palabra colza non causase pavor entre os españois.

Hoxe en Alemaña semella que xa pasaron da fase vexetal (alí cogombros, aquí amorodos) pero igual que na España de 1981, a información é escasa porque semella que ninguén sabe nada. Veremos en que acaba a cousa, pero xa é seguro que o sector hortofrutícola está sufrindo as consecuencias dese mal tan español como é a improvisación, pero posta en mans alemás, que desta volta se amosaron pouco cuadriculadas e nada responsables.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *