Na mesa con Cunqueiro

O instrumento de cociña que mellor manexou sempre Álvaro Cunqueiro foi a súa vella máquina de escribir, nun despacho cheíño de mazás chegadas do seu Mondoñedo natal porque, como a madalena de Proust, o recendo das mazás relaxaba ao escritor e espertaba a súa enorme creatividade.

Daquela cociña saíron un bo fato de libros e milleiros de artigos xornalísticos trufados de recendos, sabores e texturas culinarias, xa que toda a prosa cunqueiriana está chea de referencias á cociña e á gastronomía, maioritariamente galega e real, pero tamén hai cociña do resto do mundo e cociña imaxinada polo mindoniense, inda que en moita menor medida do que pensa moita xente, polo xeral os que non leron a Cunqueiro ou so o fixeron parcialmente.

Hoxe, 24 de maio de 2011, presentamos en Compostela, unha pequena antoloxía literario-gastronómica do mestre de Mondoñedo: Na mesa con Cunqueiro, editado polo Consello da Cultura Galega.

A cociña e a gastronomía son aquí unha desculpa para tentar achegar á literatura de Cunqueiro a quen nunca reparou nunha obra riquísima, deliciosa, que nos pode facer gozar tanto coma o mellor dos pratos que nos sirvan no restaurante. O libro distribuirase a través dun amplo grupo de restaurantes galegos entre aqueles clientes que consuman algún dos pratos de inspiración cunqueiriana que alí lles van ofrecer. Trátase de pratos da cociña tradicional galega (que poden ser versionados polos cociñeiros) citados na obra de Cunqueiro e outros directamente invencións do autor que os cociñeiros deberán interpretar libremente.

Esta tarde, despois da presentación do libro, teremos oportunidade de probar algunhas desas versións da man de Iago Castrillón, que oficia nos seus fogóns composteláns pero procede dunha terra que Cunqueiro coñeceu dende neno, Lourenzá, que comparte tradición gastronómica coa terra natal do autor.

Manolo Gago foi o corazón da iniciativa

Entrevista en Zig-Zag diario (Televisión de Galicia)

3 thoughts on “Na mesa con Cunqueiro

  • 24 de Maio de 2011 at 14:37 02Tue, 24 May 2011 14:37:00 +000000.
    Permalink

    ¿Cuanto dura la campaña?. ¿llegará hasta el mes de agosto?. ¿Algún restaurante da mariña central Lucense participa en la campaña? Un abrazo.

    Reply
  • 16 de Xuño de 2011 at 09:46 09Thu, 16 Jun 2011 09:46:02 +000002.
    Permalink

    Que ben! Gústame moito

    Reply
  • Pingback:a cocia galega con cunqueiro - como, logo existo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *