Cuestión de baterías

Marcelo Tejedor

Non hai moitos días o telexornal traía a nova dunha exposición de inventos supostamente inútiles que, dicía o presentador, igual un día se converten en revolucionarios.

Amosaban na pantalla algo que presentaban como ideal para as dietas de adelgazamento: un espello que se pon no medio do prato e de media ración fai unha completa, iso si, medio real e medio imaxinaria. Non me sorprendeu nada, coñecedor como son dende hai anos do gastroclón, invento compostelán que non so permite facer unha ración de media senón que na súa versión 2.0 rende o dobre.

A imaxinación das nosas xentes da ata para facer bromas, coma esta do gastrocolón, arredor da gastronomía (¿quen foi o parvo que dixo que coas cousas de comer non se xoga?. Eu non dubido de que un estirado puritano), sen por iso esquecerse do fundamental na mesa: o mellor produto, tratado, naturalmente, como se fora da familia.

E a Marcelo Tejedor, creador do citado gastroclón sóbralle agarimo para tratar os nosos mellores peixes, carnes ou verduras cun ollo posto na tradición e o outro mirando cara ao futuro. O mérito da postura está en non chosquear.

Non vou negar que, como compostelán semiresidente e pai de compostelán de nación, que xa é un mérito, me resultou algo molesto que no telexornal non citaran a orixe santiaguesa do invento, inda que ise come-come se aliviou cando anunciaron que Galicia estaría presente no Milessimé de Brasil, cunha representación encabezada por Marcelo, o mellor embaixador gastronómico polo mundo enteiro desta Compostela inmortal.

Galicia contaba con sona culinaria por España adiante gracias á súa espléndida despensa, que atesoura os mellores peixes e mariscos, as carnes máis saborosas, o noso irrepetible pan, as verduras, as froitas, os doces. E tamén era coñecida ata no máis afastado recuncho pola súa cociña tradicional e popular, que tales características revisten o polbo á feira, a empanada ou o caldo, algúns dos pratos máis coñecidos da nosa mesa.

Ata que chegaron dous composteláns de adopción e comezaron a cambiar a percepción que o mundo tiña de nos. Primeiro Toñi Vicente, que lamentablemente deixou Compostela hai un tempo que parece eterno, e de seguido Marcelo Tejedor, puxeron nun Flandes imaxinario as primeiras picas dunha cociña galega de autor que, sen quitar un ollo da tradición, xa o dixen, aposta decididamente por situarse á beira dos máis recoñecidos cociñeiros de España e do mundo enteiro.

Á beira daquelas dúas primeiras canas foron agromando outras por Galicia enteira, e por Compostela mesmo, de forma que hoxe non hai congreso ou evento de importancia onde non se atope algún cociñeiro galego, e case sempre un compostelán de adopción como é Marcelo.

Na foto Marcelo esculca o interior da súa casa. Sabe que estou dentro e pode que non se fíe. Igual lembra aquel día que, á hora de pagar a conta, lle pedín prestado o gastroclón 2.0. Díxome que se lle esgotara a batería e non me deixou empregalo para facer 200 de 50. Dende entón non deixo de pensar en para que precisa batería un simple espello.

Artículo publicado en CompH!osteleria (Revista de Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca)

Gastroclón en El País, en El Correo Gallego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *