Un día estupendo na Quinta de San Amaro

Rape albardado al horno con crema de calabaza y habitas

Agora que o penso, creo que foi o primeiro taller de cociña ao que asistín dende o outro lado da mesa, sen máis responsabilidade que gozar do mesmo, da compaña e dos pratos e viños que pasaron pola mesa.

A Quinta de San Amaro, un hotel en pleno rural galego, no concello de Meaño e, polo tanto no medio dun mar de viño e moi próximo tamén ao Atlántico, está a poñer en marcha unha actividade dirixida a dinamizar o mundo do turismo rural que, polo menos en Galicia, ofrece espléndidas instalacións e moi poucas actividades.

O hotel é unha marabilla, como ben pode apreciarse a través da súa web. Conta ademais con restaurante e un comedor acristalado que no outono, cando as viñas que o rodean se colorean, debe ofrecer un espectáculo excepcional.

Quinta de San Amaro prevé ofrecer unha actividade gastronómica para grupos, consistente nun taller en que os participantes se desprazan, en compaña dun cociñeiro e un xefe de sala, á praza de abastos de O Grove, onde realizarán a compra dos alimentos que despois, nunha ampla cociña do hotel, prepararán baixo a dirección dos cociñeiros. O taller remata cunha comida na que se degustan os pratos preparados, con bos viños galegos, café e queimada. Os cociñeiros ata se animan co esconxuro, algo que sen dúbida vai encantar aos clientes de fóra e aos galegos máis enxebres.

Eu coñecía de sobra o modelo, que non é outro que o dos Merco e cociño que puxemos en práctica no Santiago Repetirás 2008-2009 e repetimos no Forum Gastronomico 2010.

Para min o interesante era velo dende o outro lado, como un participante máis, e dende logo que o gocei.

A praza de abastos do Grove pareceume moi próxima ao cliente e, en determinados aspecto, moi profesional. As ameixas, berberechos, navallas, longueiróns e ostras que se ofrecían estaban todas dentro das bolsiñas de rede da depuradora,  o que é unha garantía de orixe para o cliente. Noutras prazas estes mariscos preséntanse en grandes cestas ou bandexas sen ningunha garantía da súa procedencia.

Chamou especialmente a atención o enorme rape que ofrecían nun posto. Arredor de trece quilos, dixo a vendedora, o que da para moito comer. Nos mercamos no mesmo posto un de algo máis de cinco quilos e deu oito moi  xenerosas racións, aparte dunha enorme cabeza para a sopa. Tampouco eran mancos os lumbrigantes que ofrecían noutro posto.

E chamoume a atención a oferta de queixo. Non so queixo do país, senón tamén algúns foráneos moi curiosos. E entre eles un de cabra que se etiqueta con nome e enderezo galego pero que se elabora en Castellón. Haberá que ver de que vai o asunto.

Finalmente, ademais do rape levamos un polbo de máis de tres quilos, queixo de San Simón, pan e algunhas froitas e hortalizas.

De volta no hotel, o tempo pasou da maneira máis distendida, con todos (seis alumnos e dous chefs: Paco Caneda e Pedro Sestayo) metidos en fariña.

Para abrir o apetito tomamos unhas tostas de pan de centeo con pasas, torrado, sobre a que se puxo unha trancha de queixo de San Simón marcado na prancha, un chorro de aceite de oliva virxe extra e un po de pemento doce da Vera que gustou moito a todos.

Para comer, xa sentados á mesa, tivemos un polbo acompañado de patacas confitadas (no aceite de xirasol puxemos uns dentes de allo e unha folla do limoeiro do xardín próximo) e cun alioli con froitas (uvas e pera).

O prato forte foi o rape. Simplemente albardado con touciño ibérico e cociñado no forno, servido sobre unha crema de cabaza cocida con zume de laranxa e cunhas fabiñas salteadas de gornición.

A sobremesa consistiu en filloas recheas de queixo crema con uvas, bañadas en salsa de framboesa.

Café e queimada.

Sentados á mesa víamos chover fóra pola ampla cristaleira da cociña. Parecíanos un día estupendo.

Más en:

Guisandome la Vida

El sabor de lo dulce

Galicia 10 (próximo número)

Esquecín citar á axencia Tee Travel, que organizou o evento cunha gran profesionalidade e que ofrece un amplo catálogo de actividades turísticas, moitas delas arredor do mundo da gastronomía.

2 thoughts on “Un día estupendo na Quinta de San Amaro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *