Grelos

Grelos

Hoxe comín un caldo espectacular, feito con cimós (grelos) traídos dende Frexulfe (O Valadouro), dun nabal destinado exclusivamente ao autoconsumo e, polo tanto, apañados como debe de ser: escollendo de antemán os que se atopan no momento óptimo para a recolección e partíndoos coa man, como sempre se fixo, e non cortando todo afeito, como vexo sempre pola parte de Santiago. Os cimós do meu caldo era da variedade lucense, e non da santiaguesa. Pese a quen pese, a calidade da verdura de Lugo dálle cento unha voltas á do entorno de Santiago, por moita sona que esta teña. Tamén debo dicir que teño comido estupendos grelos procedentes do norte da provincia da Coruña, pero alí é costume empregar a mesma variedade que en Lugo.

Onte, mentres preparaba os cimós (como mandaron moitos parte deles houbo que conxelados, previo escaldado) e facía o caldo veume á cabeza o pouco caso que os cociñeiros galegos lle fan a esta verdura tan nosa. E cando ofrecen algún prato con grelos, resulta que o que poñen son follas de grelos, esquecendo que desta verdura o verdadeiramente saboroso e interesante é o cimón, ese talo groso, carnoso e abundante que se presenta moi ben definido nos nabos de Lugo e moito menos diferenciado nos de Santiago.

Igual pasa isto porque os cociñeiros nos que estou pensando son todos da parte atlántica de Galicia, principalmente da cidade da Coruña ao Miño, zona de influencia fundamentalmente da variedade compostelá. Non lles viría mal pasar nestas datas pola Mariña ou a Terra Cha. Algúns igual descubrían un produto que parecen descoñecer.

Tampouco houbera estado mal que a IXP Grelo de Galicia houbera diferenciado entre as dúas variedades principais.

Onte, despois de refrescar os cimós do Valadouro e mentres os preparaba para ir ao conxelador, na miña cociña había un aroma perfectamente recoñecible por calquera. Para min ulía a cimós. Outros dirían que ulía a mostaza.

7 thoughts on “Grelos

  • 02 de Marzo de 2011 at 22:55 10Wed, 02 Mar 2011 22:55:00 +000000.
    Permalink

    Quen os pillara, aqui en Madrid.
    Chuchos.

    Reply
  • 03 de Marzo de 2011 at 17:00 05Thu, 03 Mar 2011 17:00:29 +000029.
    Permalink

    Hola amigo:

    No se con que quedarme, si con tus buenos comentarios, o con tus estupendas fotos, la verdad que cuando las miro me entran ganas de comer, jajaj. Un abrazote.

    Reply
  • 04 de Marzo de 2011 at 19:19 07Fri, 04 Mar 2011 19:19:09 +000009.
    Permalink

    Concordo co da falta de presenza do grelo (agás nas presentacións tradicionais e algunha que outra mímesis) na cociña de calidade, e non concordo no da diferenciación entre o globo branco e a variedade Santiago na IXP. De ser así, aínda estaría resolvendo atrancos en Bruxelas.

    Saúdos

    Reply
  • 07 de Marzo de 2011 at 15:53 03Mon, 07 Mar 2011 15:53:12 +000012.
    Permalink

    Resulta evidente que vostede ve a cousa dende o punto de vista do técnico, señor eSedidió. Eu míroa como consumidor e sigo pensando que sería bo diferenciar. Porque se hai consumidores que non diferencian un grelo dunha nabiza…

    Reply
  • 08 de Marzo de 2011 at 04:13 04Tue, 08 Mar 2011 04:13:16 +000016.
    Permalink

    Amigo eSedidio:

    Esto del grelo es como la Santísima trinidad, tres cosas en una, Nabo, Nabiza y grelo.

    Reply
  • 08 de Marzo de 2011 at 14:58 02Tue, 08 Mar 2011 14:58:29 +000029.
    Permalink

    Home, eu tamén estou de acordo na diferenciación cara ao consumidor, pero penso que se debería reflectir pola vía da información na etiquetaxe e non tanto no regulamento. Non se pode vostede nin maxinar como as gastan en bruxelas á hora de ollar con lupa as especificacións regulamentares. E, por desgraza, faltan estudos (universidade, a que carallo te dedicas?) de diferenciación que se podan aportar como referencia no expediente.
    Non sei se está de acordo comigo, pero resulta aínda máis sangrante que non se establezan diferenciacións entre as diferentes zonas produtoras de Pataca de Galicia. Calquera que probe unha pataca de Bergantiños, Terra Chá ou A Mariña e a compare con outra da Limia pensará que os da IXP están de coña.

    Reply
  • 08 de Marzo de 2011 at 16:20 04Tue, 08 Mar 2011 16:20:54 +000054.
    Permalink

    Ten razón, pero xa sabe que se non sae no DOG, no BOE ou onde corresponda, os consumidores non temos dereito a etiquetas claras.
    Concordo por completo no das patacas. ¡Onde estea o secano!
    Eu teño mercado patacas IXP, xa algo, ou moito, fóra de temporada, en que a metade do saqueto estaban para tirar. Ata teño por aí unha foto daquelas patacas cortadas polo medio, que pensaba mandarlle ao presidente do consello regulador e nunca o fixen.

    Reply

Deixa una resposta a Fran Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *