Sumilleres e baristas galegos, no ranking da semana

Remata unha boa semana para a gastronomía galega no relacionado cos concurso da súa parte líquida, con estupendos resultados para os participantes galegos na semifinal madrileña do Nariz de Oro e na semifinal do noroeste do concurso de baristas, que tivo lugar en Foz.

En toda a historia do concurso Nariz de Oro, so un representante de Galicia acadou o triúnfo na gran final. Foi o sumiller e xefe de sala de Pepe Vieira Camiño da Serpe, Xoán Cannas.

Pero esta semana volveu renacer a ilusión co triúnfo de Eva Pizarro na semifinal madrileña do concurso. Eva, que participaba por primeira vez no concurso, impúxose aos outros sesenta participantes e gañou a semifinal e con iso o paso á final. Que dos sesenta e pico participantes so cinco foran capaces de superar as probas para pasar á semifinal dalle un valor especial ao triúnfo de Eva.

Malia ser valenciana de orixe, Eva representará a Galicia na final do concurso porque é aquí onde desenvolve o seu traballo de sumiller e xefa de sala, no compostelán restaurante Ácio, en cuxas cociñas obra a súa parella, Iago Castrillón. Indirectamente Galicia tamén estará representada no concurso por Susi Nistal, leonesa que forma parte da asociación de sumilleres Gallaecia, o mesmo que Eva Pizarro.

O mundo do café tamén ofreceu satisfaccións aos galegos esta semana. O luns celebrábase en Foz a semifinal noroeste do concurso de barista e dos catro clasificados para a final española, que terá lugar en Córboda, tres son galegos.

Gañou a semifinal Xosé Manuel Portela Fernández, de Casa Villar, da Fonsagrada. Despois clasificáronse o cántabro Raúl Alonso, o chantadino Damián Novoa Seijas e o compostelán Óscar del Toro. Os catro estarán na final de Córdoba.

Foz, e a provincia de Lugo en xeral, parecen vivir un idilio co mundo do café. Se este ano dous dos catro finalistas do noroeste son lucenses, non podemos esquecer que en 2010 a burelense Sofía Prieto gañaba o campeonato español de cata de café e que a mesma Sofía foi en 2008 terceira no campionato español de baristas, despois de gañar o galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *