RM Río Miño, unha marca para identificar as lampreas do Miño

Entrevista a José Benito Guerreiro. A vivir que son dos días Galicia. Cadena SER. 8-01-2011

Esquerda: a etiqueta que levará a lamprea. Dereita: a ficha á que nos dará acceso o código QR

Arredor de medio millón de lampreas poderían consumirse cada ano en España, segundo nos indicou Xosé Benito Guerreiro, na entrevista que lle realizamos na fin de semana na Cadena SER. Dese medio millón de exemplares, uns douscentos mil procederían do río Miño e outra cantidade, inferior, do Ulla. O resto ten que proceder dalgún sitio e son os ríos portugueses e franceses os que completan a oferta.

En torno ao 40 por cento das lampreas que se consumen en España non son galegas. É algo que coñecen todos os que se dedican a este peixe dalgunha maneira, pero que raramente chega ao coñecemento dos consumidores.

Na entrevista Benito asegura que a lamprea francesa é da mesma especie que a galega, e polo tanto boa, pero que presenta carne menos firme. Pero inda que a calidade sexa a mesma, o consumidor ten dereito a que ninguén o engane coa orixe dos produtos que merca.

Por iso Xosé Benito (lampreeiro e percebeiro, pero tamén contacontos e ciclista) decidiu un día que a súa próxima tarefa sería crear unha marca de calidade que identificase as lampreas que el pesca no río Miño, e as de todos aqueles outros pescadores que así o desexen. Máis que un lexítimo interese económico, parece que a Benito móveo o desexo de conseguir manter e incrementar o prestixio dos peixes do Miño, que a fin de contas, é o que o mantén.

Así que, como nos di na entrevista, a finais de marzo poderían estar no mercado as primeiras lampreas marcadas coa identificación RM Río Miño.

Cada lamprea levará unha etiqueta como a da fotografía, cun código QR que, por medio do teléfono móbil, permitirá coñecer a data e o pescador que capturou a lamprea. Os mesmos datos estarán accesibles nunha web na que será preciso introducir o código numérico impreso na etiqueta.

Pero ademais as lampreas irán marcadas de maneira indeleble cun troquel na súa aleta dorsal. Dado que en Galicia é costume servir as lampreas por pezas enteiras, será fácil comprobar se a que temos na mesa vai troquelada ou non. Os restaurantes comprométense a presentarlle ao cliente a etiqueta xunto coa lamprea. Ademais, os restaurantes que comercialicen as lampreas así identificadas tamén lucirán na súa entrada un rótulo que o indique.

No proxecto están interesados pescadores e restaurantes de ambas beiras do Miño. Nace para identificar lampreas, pero co obxectivo de que sirva tamén para outros peixes propios do Miño, coma o sábalo. E aberto a que os pescadores do Ulla adopten o mesmo sistema.

Actualmente estase fabricando, por parte dunha empresa galega, a máquina coa que se troquelarán as lampreas.

A marca que loce na aleta a da fotografía foi realizada de maneira manual cun instrumento cortante, e unicamente para comprobar que despois de cociñar a lamprea a marca continuaba igual. Pero en breve en nuestro plato podrá estar una lamprea con una marca similar

3 thoughts on “RM Río Miño, unha marca para identificar as lampreas do Miño

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *