Malvasía de Freixenet

Malvasia, cava dulce de Freixenet
Unha estupenda comida con Ramiro Esparís, director da escola de hostalería de Lamas de Abade (Santiago de Compostela) e o seu equipo, xunto con Tono Múgico, de Turismo de Santiago, serviume para coñecer o primeiro cava doce elaborado coa variedade malvasía.

Este “Malvasía 2001”, de Freixenet, foi o viño elixido para acompañar o tiramisú da sobremesa. Trátase dun cava monovarietal, elaborado con malvasía e cun licor de expedición composto por mosto da mesma variedade, segundo indica a adega na súa web.

O viño conserva as propiedades da malvasía, con claras notas de pasificación que lembran o moscatel e que nalgún momento tamén me evocaron o tostado do Ribeiro.

O viño que eu probei tiña pouca burbulla, polo que me choca ler algún comentario en internet no que falan de burbulla abundante.

En calquera caso, a partir de hoxe serei máis comedido cando fale sobre cavas doces. Sempre fun de cavas brut nature e nunca tomei en consideración os semi-secos nin, moito menos, os doces. Hoxe Freixenet, marca á que tampouco lle tiven xamais moito aprecio, fíxome reflexionar.

O máis sorprendente é o prezo: 8,5 euros por botella en Decántalo. Ideal para acompañar as sobremesas. Pero eu teño gañas de probalo cuns camaróns ou un bo xamón, sen pedir desculpas de ningún tipo. Unha das miñas perversións culinarias pasa por mesturar certos doces con determinados salgados. ¡Se contara máis, algún habíase rir!. Por iso calo.

Por certo, na comida, elaborada e servida por alumnos do centro do que saíron profesionais da talla de Marcelo Tejedor (Casa Marcelo, Santiago de Compostela), Juan Crujeiras (A Estación, Cambre), Diego Mosquera (Vaová, Santiago de Compostela), Xurxo Rivas (Taberna O Secreto, A Coruña) ou André Arzúa (A Fábrica de Vilanova, Allariz), degustamos un milfollas de berenxena, tomate e queixo de cabra, un bacallau de Islandia con mollo de laranxa e un capón con froitos secos, acompañados os dous primeiros con Godello Joaquín Rebolledo e o capón con Viña Alcorta crianza. A sobremesa, como dixen, tiramisú con caramelo crocante e malvasía de Freixenet.

2 thoughts on “Malvasía de Freixenet

  • 10 de Xaneiro de 2011 at 20:23 08Mon, 10 Jan 2011 20:23:43 +000043.
    Permalink

    Hay un espumoso de moscatel estupendo, el Reymos, que creo incluso es más barato que éste. Sé que en Santiago lo lleva Concha Valladares y si mal no recuerdo también El Club del Gourmet de El Corte Inglés. Igual hasta algún súper. Pero es delicioso y con un perfil similar al que describes.

    Reply
  • 10 de Xaneiro de 2011 at 21:05 09Mon, 10 Jan 2011 21:05:10 +000010.
    Permalink

    Habrá que probarlo, Rosa.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *