Compota

Compota

Segundo o dicionario, tanto español como galego, a compota é un doce de froitas cocidas con auga e azucre, sen especificar texturas: ¿anacos enteiros de froitas, froita triturada?.

Hoxe é frecuente atopar pratos onde a compota, empregada como gornición, non é máis que froita cocida e triturada. Unha acepción que non recollen os dicionarios, pero que está na rúa.

En Galicia hai máis. No Morrazo compota é a mestura con que se enche o estómago do porco para facer o bandullo, unha sobremesa típica do Entroido, que podemos comparar cun pudin de pan, ovos, azucre, froitos secos… e touciño. Agora, polo que aprendín na comida que tiñamos que facer en Ons e fixemos en Noalla, tamén hai quen lle chama compota ao bandullo cando se coce nun molde de forno no canto da tripa do porco.

No extremo contrario do país, na Mariña de Lugo, a compota é a sobremesa máis típica do Nadal, moito máis que os turróns, que sen dúbida levan entre nos moito menos tempo.

A compota mariñá parécese á do dicionario en que é froita cocida con azucre, pero distínguese por completo no feito de que o líquido de cocción é viño e non auga. Tamén leva canela e tanto se pode facer con mazás como con peras, existindo unha caste destas últimas, que madura a finais de ano, que se chaman peras da compota.

A cousa non é nova. Valladares, no seu dicionario galego publicado en 1884, xa informa da variedade de peras chamadas de compota e Eladio Rodríguez, no dicionario que elaborou nas décadas dos cincuenta e sesenta do século XX, indica: “En muchas ciudades, villas y pueblos de Galicia, la compota es uno de los postres típicos de Nochebuena. Se hace generalmente de peras o manzanas, con azúcar y canela en rama, y suele añadírsele vino blanco al agua.” Eran tempos de escaseza, por eso o viño se rebaixaba con auga.

Miña nai, e tamén miña aboa, sempre a fixeron con viño, froita, azucre e canela, como esta da foto. Para medio quilo de peras (peladas e limpas), un litro de viño, un pau de canela e cen gramos de azucre (queda lixeiramente aceda, como me gusta. Os máis lambóns deberán incrementar a cantidade de azucre).

O viño pode ser branco ou tinto, a gusto de cada un. Ou rosado, como este que empreguei eu na compota da foto, coa que me adianto ao Nadal, que na miña casa sempre foi sobremesa desas datas… e de calquera outra do ano.

Quente, a compota está deliciosa. Morna, riquísima. E fría… para chupar os dedos.

¿E non pasaría pola Mariña o cociñeiro francés ese ao que atribúen a invención das peras ao viño?

One thought on “Compota

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *