[lang_es]Historia de dos capones… un jamón, tres quesos, diez gin tonics[/lang_es][lang_gl]Historia de dous capóns… un xamón, tres queixos, dez gin tonics[/lang_gl]

Capones

Xamón afumado, o tradicional xamón caseiro de sempre; queixo de San Simón da firma Prestes, presentado na curación habitual de 45 días (o mínimo que esixe o regulamento da denominación de orixe), pero tamén con 90 días (que a firma comercializa como reserva) e o moi exclusivo de 180 días de curación, que poucos afeccionados ao queixo probaron; queixo de San Simón da Costa con dous anos e medio de curación, algo que con toda seguridade éramos os primeiros en probar; revolto de grelos da chaira (para min sobraban as gambas); uns estupendos boletus chairegos; capón de Vilalba, de Nadal, con oito meses de crianza, recheo de tenreira e verduras; rosca de améndoa de Vilalba; pan artesán de Martiñán (os mellores restaurantes de España darían algo por ter preto esa panadería); viño tinto Proencia, da denominación de orixe Ribeira Sacra; e auga mineral Magma, de Cabreiroá, que se servía por primeira vez nunha mesa galega, dous días antes da súa presentación oficial. Este foi o menú que dezanove afeccionados á gastronomía tomamos en Vilalba o pasado 11 de decembro. Se eu fora afeccionado aos adxectivos, antes ou despois de menú debería ter escrito exclusivo. Pero como non me gustan gran cousa deixeino para tres liñas despois.

A cousa comezou cedo en Capones Aurora, a meirande explotacións de capóns de Vilalba e a única que ademais do capón de Nadal (con oito meses de vida) cría os capóns de cinco meses, que se poden mercar durante todo o ano.

Alí tivemos oportunidade de ver de preto os arredor de 1.200 capóns de cinco meses que estaban a criar e os 200 de Nadal que estaban nas súas capoeiras, cebándose con millo e auga. Houbo tempo para saber que os polos cápanse por métodos cirúrxicos, cunha incisión debaixo das ás, e que se alimentan exclusivamente con millo e o que poidan comer na finca ao ár libre na que pasan a meirande parte da súa vida (durante o primeiro mes e medio de vida tamén comen penso), que se sacrifican cunha incisión no interior da boca para evitar calquera tipo de laceración na súa pel e que a enxunlla, coa que se presentarán na feira o próximo día 19, proba a súa calidade. Desfixemos unha falsa crenza moi habitual en Galicia: os capóns non se venden exclusivamente por parellas. Pódese mercar un, dous ou os que se desexe, sempre que o peto e as gañas de comer capón dean para iso, que un deles da para comer dez persoas, polo menos.

Entre a visita á granxa e a comida visitamos a tenda de Prestes, fronte ao Parador, unha tenda que sorprendeu a case todos, e tivemos o privilexio de ver Vilalba dende o máis alto da torre dos Andrade, escoitando as explicacións do vilalbés Moncho Paz. E tamén de tomar uns viños e unhas tapas na Taberna A Lareira, incluído polbo con queixo de San Simón.

Despois da comida, no Hotel Coto Real, en Rábade, o campeón de Galicia de gin tonic e subcampeón de España deunos un auténtico recital da especialidade, explicando as cuestións básicas que se deben ter en conta para a súa preparación. Derriba da mesa arredor de 50 xenebras de tódalas procedencias, media ducia de tónicas distintas, un amplo abano de aromas e, sobre todo, o saber e o ben facer de Alejandro, que todo o conta cun sorriso tan franco que un confía plenamente no que di (sospeito que ten algún segredo para hipnotizar ao oínte).

Preto dunha ducia de gin tonics, que todos probamos, pasaron pola mesa. A última hora, xa coa noitiña no exterior do hotel, os máis repousados da xuntanza decidiron pasar das probas á degustación completa. Así que se prepararon o seu propio gin tonic, baixo a dirección de Alejandro, e alí quedaron, con cara de non telo pasado mal de todo.

Alejandro tamén nos explicou a cara que a un se lle pon cando proba un mal gin tonic. Aquí llela deixo. Reparen na man baleira. El xamais lles dará un así

Alejandro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *