Fraudes

De Colineta

A actuación da Junta de Andalucía retirando do mercado marcas de aceite que dicían vender algo diferente do que había na botella lévame a pensar nos habituais e incesantes fraudes comerciais que sufrimos os consumidores, entendendo como “fraude comercial” aquel que nos afecta ao peto pero non á saúde. Dannos gato por lebre, pero gato apto para o consumo.

Eu, que empecei no mundo do xornalismo hai tres décadas cunha reportaxe sobre o asunto sempre estiven moi sensibilizado co tema. Naquela primeira reportaxe escribía sobre fabas de toda procedencia, incluídas de importación, que se facían pasar por orixinarias do Barco de Ávila, que daquela tiñan moito predicamento en Madrid.

E sigo sensible co asunto, sendo consciente de que hai cousas que todos consideramos fraude, incluídas as autoridades porque contraveñen as leis e normativas legais establecidas, e outras que respectando esas leis cheiran a tomadura de pelo en toda regra, o que automaticamente me leva a pensar en que as leis están mal feitas ou, pensando mal, cousa que se me da ben, que as leis están feitas á medida da industria e sen pensar para nada no consumidor.

Neste segundo cesto meto, por exemplo, todos eses alimentos industriais, como por exemplo margarinas, que na súa etiqueta poñen, moi grande, tres palabras máxicas: Aceite de oliva. E despois na composición indican, moi pequeno, que de aceite de oliva levan o 15 por cento do 40 por cento da materia graxa de que están compostas, é dicir, unha miseria fronte a outros aceites e graxas que non detallan.

No primeiro caso están esas marcas de aceite que prometen virxe extra e dan virxe ou calquera outra cousa.

Claro que o problema non está unicamente en Andalucía e no aceite. En Galicia facía falta que as administracións actuaran con contundencia arredor dun dos nosos produtos estrela: o marisco.

Miles de persoas son enganadas cada día, en Galicia e fóra dela, con “marisco da ría” que nunca puxo os pés en augas galegas. Os espabilados aprovéitanse do descoñecemento do consumidor e da deficiente trazabilidade dos produtos do mar, para vender, hoxe mesmo, lumbrigante galego. Busque en internet e seguro que rápido lle propoñen enviarlle á casa uns estupendos lumbrigantes galegos, iso si, con prezos arredor de 50 euros os quilo.

Antes de encargalos debe saber que o lumbrigante está en veda dende o pasado 31 de agosto, así que, con sorte, vanlle mandar lumbrigante procedente de Escocia ou Irlanda que, por sorte para vostede, é tan bo coma o galego. Pero non é galego.

Non se desespere se xa lla colaron, porque o fan con calquera. Hai poucas semanas tamén comeron lumbrigante galego, en Galicia, algúns expertos gastrónomos que non tiveron a precaución de falar co bicho antes de meterlle o dente. Polo acento habíano distinguir fácil.

O máis lamentable do asunto é que existe o prototipo dunha máquina, deseñada en Galicia, que permitiría marcar un por un os lumbrigantes capturados nas nosas augas, e as centolas, as nécoras, as ostras, os berberechos, as navallas. Se o don de linguas se transmitise a través do que comemos, os galegos falaríamos catro ou cinco.

Por certo, o que esta semana vin no Franco compostelán, que moitos seguramente confundirán cun santiaguiño enormes é, en realidade, cigala real. Posiblemente procedan dos viveiros que ten un vigués en Senegal. Contan que é un marisco de moi boa calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *