Tertulias, mentras se cociña, co chef no Centro Supeiror de Hostelería de Galicia

De Colineta

Teño ás miñas costas unha longa experiencia na organización de sesións nas que grandes cociñeiros ensinaron ao público asistente algúns dos seus segredos e outras nas que asistentes e cociñeiros traballaron xuntos, baixo a dirección dos segundos, nos xa coñecidos “Merco e cociño con…” de Turismo de Santiago e o Forum Gastronómico. En todas esas ocasións eu estaba traballando, atento máis a que todo fóra como debía que a disfrutar da sesión, inda que, non o dubide ninguén, sempre o pasei moi ben nelas.

Por iso non dubidei en aceptar o convite da directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia a participar nunha sesión de cociña cun grupo de xornalistas galegos, ningún deles especializado en gastronomía. Xa tivera ocasión, antes do verán, de participar noutra sesión similar, daquela con afeccionados á cociña, e fora moi interesante.

Desta volta os cociñeiros de orixe vasca Ibon Galarza e Aitor Maiora, profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia, nos fixeron pasar unha deliciosa velada arredor do mundo dos cogomelos, que primeiro se cociñaron e despois se degustaron nunha cea monográfica. Carpaccio de boletus con vinagreta de mostaza, pudin de fungos, ensalada morna de cogomelos e zamburiñas, níscalo e pé azul estufados con xema a baixa temperatura, bombón de foie con boletus edulis e cremoso de chocolate branco e boletus edulis con praliné de abelás foi o menú, servido en compaña dun Guitián crianza en barrica (godello da D.O. Valdeorras) e un moscatel navarro, rematando cun licor de cogomelos.

Gozamos da tarde-noite (ás seis e media chegamos os primeiros e saímos da escola ás doce da noite) e tamén aprendemos cousas novas.

Estas “Tertulias co chef”, que así se denomina a actividade, continuarán de decembro a maio. Haberá dez sesións temáticas onde un grupo reducido de persoas participarán no proceso de elaboración do menú que van degustar na cea. Serán sesións monográficas, sobre produtos de tempada, que se anuncian xa na web do CSHG. A cociña de Nadal en decembro e a low cost para a costa de xaneiro, coctelería, pratos con pato, verduras de primavera, o chocolate e a cociña vasca serán as sesións que sigan á reservada a xornalistas, que versou sobre os cogomelos.

2 thoughts on “Tertulias, mentras se cociña, co chef no Centro Supeiror de Hostelería de Galicia

  • 28 de Novembro de 2010 at 11:54 11Sun, 28 Nov 2010 11:54:31 +000031.
    Permalink

    Hai que ver con que xeito leva o seu gremio o mandilón. E a faciana de susto do seu decano, alí ao fondo, é inefábel :-).

    Reply
  • 28 de Novembro de 2010 at 12:58 12Sun, 28 Nov 2010 12:58:01 +000001.
    Permalink

    ¿Porque pensa que me puxen detrás da cámara para facer a foto?.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *