Fame, caracois e Anthony Bourdain

De Colineta

Leo que onte no en San Sebastián Gastronómica Anthony Bourdain dixo que a fame move a cociña e que o primeiro que comeu un caracol foi un famento. Pois eu sinto discrepar con tan grande eminencia.

Ás probas me remito. Durante séculos os campesiños galegos pasaron fame uns e necesidade os demais, alimentándose co pouco que conseguían sacarlle á terra unha vez pagados os trabucos e obrigas legais. Mesmo a finais do século XIX a situación era tal que a Emilia Pardo Bazán, escribindo sobre o caldo, dixo que os campesiños galegos eran vexetarianos… á forza.

E se algo lles sobraba aos campesiños galegos eran caracois, que infestaban os seus cultivos de horta, polo que tiñan que eliminalos con frecuencia. Seguiron pasando fame, pero non comeron os caracois despois de retiralos da horta. Puideron os abundantísimos gasterópodos acabar con moitas fames, pero nunca acabaron na pota dos galegos.

Volveu a fame, e grande, nos tempos da guerra civil, e os galegos seguiron sen comer caracois, o mesmo que non comeron os cogomelos que tamén abundan nos montes e prados galegos. Nin as ancas de ra, que tampouco escasean.

Agora os galegos comemos cogomelos, inda que quedan moitos reticentes, e ata hai bares onde a especialidade son os caracois ou as ancas de ra, pero todos eles chegaron nas últimas décadas, cando tiñamos a barriga farta de bistés.

Mirémolo de outro xeito. Din que durante a guerra civil en Madrid se comeron gatos e ratas. De ser certo fíxose por fame, pero o seu consumo desapareceu en canto o fixo a extrema necesidade e aquela maldita fame non deu lugar a unha nova costume gastronómica. Hoxe os gatos viven felices en Madrid, e non falo so dos naturais da cidade senón tamén dos seus felinos, e as ratas infestan o seu subsolo.

Miremos outro produto abundante en Galicia, como é o marisco. Houbo un tempo, no que nada sobraba, que os mariñeiros mataban as centolas que se enganchaban nas redes e devolvíanos ao mar, co quentiños que podían estar na pota.

E tamén contan de cando se abonaban as hortas con angulas, ou os esturións do Miño se daban de comer aos porcos, despois de baleirarlles a barriga e usar o seu contido como abono. Todo iso pasaba, se é certo que pasaba, que eu so conto o que me contaron, en tempos de escaseza.

O primeiro galego que meteu unha alga na boca, iso é ben seguro, non tiña fame, senón fartura de carne.

Así que eu quedo coa teoría do arousán Xulio Camba, que dixo que os famentos unicamente soñan cun bo bisté, pero os fartos son capaces de levar calquera cousa á boca na procura de novas sensacións. Vaia, o que está pasando con parte da cociña máis actual.

2 thoughts on “Fame, caracois e Anthony Bourdain

  • 27 de Novembro de 2010 at 17:01 05Sat, 27 Nov 2010 17:01:13 +000013.
    Permalink

    gatos non se comeron só en madrid
    en galicia tamén (polo menos en corme, e corme…está en galicia)
    nese mesmo sitio sentín a un vello falar de cando os percebes se botaban na esterqueira…

    Reply
  • 29 de Novembro de 2010 at 14:52 02Mon, 29 Nov 2010 14:52:52 +000052.
    Permalink

    Creo, marinela, que a túa afirmación reforza a tese de Julio Camba

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *