Ons

Bolo do pote de Ons from Miguel Vila on Vimeo.

Tres ou catro quilómetros separan a illa de Ons de terra firme. Pero un temporal con ventos de forza oito, o que equivale a alerta laranxa, impediu saír do porto á embarcación que tiña que levarnos a probar os manxares da illa. Se nos din “vamos” nos imos, seguro, pero por sorte hai xente con cabeza que sabe que coa forza do mar e o vento non se xoga. Antes da comida puiden comprobar, ao pé da ermida da Lanzada, como o vento era capaz de empuxarme con tal forza que me obrigou a dar un paso atrás para non caer de cu.

Pero se nos non puidemos ir a Ons, foi Ons o que veu a nos e ao outro lado dese estreito brazo de mar que o separa de Noalla celebramos unha espléndida comida na que probamos as especialidades da illa.

Comezamos cunha empanada de millo espléndida, inda que Lola, a cociñeira, queixouseme de que o forno non ía tan ben coma o seu. “Quedou moi ben por derriba, pero por abaixo non coceu abondo”, dixo.

Despois uns percebes do norte da illa. É un privilexio que os poña na mesa a mesma persoa que antes os fora arrincar da pena. Isto é trazabilidade e o demais contos. Os percebes estaban estupendos, servidos quentiños, tapados cun pano branco e en dúas quendas, para que non arrefriaran na mesa.

De seguido polbo, tamén pescado na illa e preparado á feira.

E de prato principal cocido. Carnes de porco e polo da casa. Patacas cultivadas na propia illa. “Collidas aquí“, me dixeron mentres sinalaban unha leira nunha gran fotografía da illa que presidía o comedor. E repolo. Tamén bolo do pote, unha vella tradición galega dos tempos en que había que encher o bandullo co que se tiña á man e que se está a perder. O bolo do pote, elaborado con fariñas de millo e centeo, un rustrido de touciño e cebola, así como ovo, leva en Ons un ingrediente que o fai moi peculiar; nébeda (Calamintha népeta), unha herba silvestre que lle da un sabor mentolado característico e que me fai lembrar o cecimbre (herbaboa) doutros cocidos de fóra do país.

Para rematar un doce propio da illa: o bandullo, elaborado con pan reseso, leite, ovos, pasas, un rustrido de touciño ou roxóns, froitos secos e, de novo, nébeda, unha herba que Lola, a cociñeira, recoñece empregar en multitude de pratos. Tamén houbo empanada de mazás e tarta de queixo.

Bebemos Pedralonga (Rías Baixas) e un Ribeira Sacra que non lembro. Cos cafés, licor café, crema de augardente e gin tonics saíu todo por 40 euros. ¿Alguén da máis?

Antes da comida coñecemos a Santiago Pérez, que nos falou sobre o seu proxecto de agricultura ecolóxica para a alta cociña e nos deu a coñecer os seus produtos.

Bandullo de Ons from Miguel Vila on Vimeo.

Máis puntos de vista

Oooooooooooonnnsss! en Capítulo Cero

XIII Xantanza. Se os BGG non van onda Onsa, Ons ven onda os BGG en Another Cow In the Corn

XIII xantanza illa de ons (take away), en Laconada

Desembarco fallido en Ons, por La Cocina de Lechuza

Xantanza en Ons, en La Caja de los Hilos

Bar Alegre, en De Pinchos

5 thoughts on “Ons

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *